A área da Ría de Pontevedra acolle 10 novos proxectos ao abeiro das axudas que xestiona o GALP

  • O valor das axudas rolda os catrocentos cincuenta mil euros
  • O total de iniciativas aprobadas desde 2016 supera as 120

Dez novos proxectos promovidos por emprendedores e entidades da área da Ría de Pontevedra foron propostos para aprobación na última convocatoria do ano das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca. Das catorce propostas recibidas, 10 foron seleccionadas por cumprir con tódolos requisitos necesarios. Dous dos proxectos son de carácter produtivo e os oito restantes de carácter non produtivo.

Os proxectos produtivos son aqueles que poden chegar a ser subvencionables ata nun 50%. As propostas recibidas nesta convocatoria están impulsadas por El Encanto de Xarás e Pepe Vieira. A primeira proposta está vinculada ao turismo, El Encanto de Xarás ampliará a oferta turística en Marín cun Gampling conformado por catro aloxamentos innovadores desde o punto de vista ecolóxico que estarán integrados no medio natural. Esta oferta turística compleméntase co proxecto do coñecido restaurante Pepe Vieira coa súa horta de halófilas, que porá en valor estas plantas capaces de prosperar en terreos ou augas salgadas. Os investimentos dos proxectos produtivos roldan os 600.000 € sendo o importe subvencionable de 584.190,25 € e o valor das axudas dun total 262.849,61 €

Os proxectos non produtivos son oito, catro correspondentes ao Concello de Pontevedra, un do Concello de Marín, outro do Concello de Sanxenxo, un presentando por Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA) e un pola Confraría de San Telmo.

O proxecto da Confraría de San Telmo céntrase na salvagarda do ecosistema no ámbito territorial da confraría, facendo especial fincapé na loita contra o furtivismo, a captación de vertidos, a limpeza da zona e a organización e colaboración con concellose organizacións ecoloxistas para a realización de campañas de concienciación medioambiental.

A posta en valor e a mellora da accesibilidade sobre unha zona de hábitats dunar é o proxecto que pretende acometer o Concello de Sanxenxo. Unha aposta medio ambiental na que tamén se realizarán tarefas de eliminación de especies invasoras no ecosistema dunar e dotarase ao concello de dous módulos de baños móbiles adaptados co fin de dar un servizo de calidade ás persoas usuarias da costa do municipio, acadando unha mellor integración e inclusión social.

A axuda solicitada polo Concello de Marín irá destinada a dotar de equipamento ao servizo de salvamento e socorrismo cunha caseta situada na praia de Mogor.

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra logrou a aprobación de catro proxectos que van desde a realización dun documental sobre a figura de Colón e outro sobre as marismas de Xunqueira de Alba. Outro das iniciativas a realizar será unha guía de aves do Enil da Xunqueira e a sinalización dunha serie de espazos marítimo-fluviais da Ría de Pontevedra.

En canto ás partidas económicas dos proxectos non produtivos, que poden chegar a ser subvencionables nun 100%, os investimentos superan os douscentos mil euros, sendo o importe subvencionable de 203.038,97 € e o valor das axudas de 168.542,98 €.

Desde 2016, o número de iniciativas que recibiron estas axudas supera as 120. Estes proxectos teñen un enorme impacto na área de influencia do GALP a nivel social, económico, medio ambiental e patrimonial xa que melloran a competitividade dos sectores pesqueiro e marisqueiro, fomentan o crecemento da actividade económica e a diversificación de iniciativas que impulsan o aproveitamento e coidado dos recursos patrimoniais, turísticos, medio ambientais así como dos marítimo-pesqueiros.