O GALP Ría de Pontevedra propón 13 novos proxectos para a concesión de axudas

  • A proposta do Concello de Meaño acada a maior puntuación dos proxectos non produtivos

Trece novos proxectos foron avaliados positivamente pola directiva do GALP Ría de Pontevedra e serán propostos para aprobación tras presentarse á última convocatoria de axudas do GALP con cargos ao remanente dos fondos do período 2014 – 2020, prorrogado ata 2022.

A través da xestión destas axudas o GALP Ría de Pontevedra ofrece a particulares, empresas, entidades e asociacións interesadas a posibilidade de desenvolver proxectos e actividades vinculados ao mar grazas a liñas de financiamento específicas para iniciativas vencelladas ao patrimonio cultural, o medio ambiente ou a posta en valor do produto do mar.

Nesta convocatoria presentáronse dezasete solicitudes, das cales unha foi inadmitida ao non presentar a documentación correctamente. Finalmente e tras propoñer  provisionalmente a denegación de tres proxectos por motivos diversos relacionados coa xestión documental, trece foron os proxectos propostos para a aprobación das axudas, catro deles son proxectos produtivos e os nove restantes, non produtivos.

Os proxectos produtivos de empresas e autónomos poden acadar ata o 50 % do financiamento do seu investimento, que pode chegar ata o 80% naqueles proxectos vinculados á pesca costeira artesanal. Entre os catro proxectos produtivos destaca o de economía circular da empresa Nordés Velería centrado na fabricación de produtos con materiais reutilizables nunha iniciativa que xerará, polo menos, un novo posto laboral. Os restantes proxectos van desde a posta en marcha dun taller de mecanizados e reparación naval ata a adquisición dun vehículo isotérmico e a introdución dun novo proceso de envasado para produtos do mar. A axuda proposta para estes proxectos ascende a case 79.000 €, sendo o importe de gasto solicitado próximo aos trescentos mil euros e o importe do gasto subvencionable de pouco máis de cento setenta e cinco mil euros.

Na avaliación dos proxectos non produtivos – aqueles que poden ter unha axuda do 100% da subvención- a mellor puntuación recaeu na proposta do Concello de Meaño de creación dunha senda no treito final do Ría Chanca co obxectivo de fomentar a relación dos habitantes co medio natural e mellorar a súa concienciación ambiental. Tamén acadaron unha puntuación elevada o proxecto de posta en valor do patrimonio do Concello de Marín centrado na mellora da musealización do Centro de Interpretación dos Petroglifos de Mogor e o proxecto de actividades inclusivas do Clube de Remo Ría de Marín.

Os restantes proxectos non produtivos abranguen áreas como a formación para o sector pesqueiro; a concienciación ambiental e a reciclaxe, a posta en valor da Ría de Pontevedra e o fomento da accesibilidade dos espazos náuticos. Tamén se presentaron dúas propostas relacionadas coas embarcacións tradicionais da man da Asociación de Amigos da Dorna. O importe de gasto solicitado para os proxectos non produtivos rolda os cento corenta mil euros, sendo o importe do gasto subvencionable de pouco máis de cento vinte tres mil euros e a axuda proposta de case noventa e nove mil €.

Intercambio de experiencias de pescaturismo e turismo mariñeiro co País Vasco

Esta semana unha delegación do País Vasco trasladouse a Galicia para coñecer de primeira man o proxecto Mar das Illas, unha iniciativa que persegue o recoñecemento do traballo das e dos profesionais da pesca e o marisqueo mediante o desenvolvemento de iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo.

A comitiva vasca, conformada polo técnico de Hazi Fundazioa e xerente de Itsas Garapen Elkarte (GALP), Alfredo de Miguel Aguirre; o coordinador xeral de Kofradia Itsas Etxea, Martxel Arozena e o técnico de Hazi Fundazioa e Itsas Garapen Elkarte, Ekaitz Urtiaga Martínez, visitou durante dous días diversos espazos e proxectos das áreas de influencia dos tres GALP que promoven Mar das Illas: GALP Ría de Pontevedra, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Vigo – A Guarda. Ás visitas á confraría e porto de Cambados e aos bancos marisqueiros da vila da man de Guimatur sumaron un percorrido por Bueu acompañados de Rebeca Gago e José Manuel Agulla que grazas a Mar das Illas puxeron en marcha un proxecto de turismo mariñeiro. Tamén tiveron ocasión de visitar un proxecto de pescaturismo en Baiona e a confraría de Cangas.