A Consellería do Mar aproba as axudas aos 14 proxectos do GALP Ría de Pontevedra por un valor de máis de 790.000€

Posted by

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP Ría de Pontevedra xunto aos demais GALP galegos (Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, GALP Costa da Morte, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible e A Mariña-Ortegal) mantivo este luns unha reunión coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Na xuntanza abordouse a aprobación de axudas aos proxectos dos GALP por parte da Consellería do Mar no marco da convocatoria de 2020. Un total de 128 iniciativas recibiron máis de 7,3 millóns de euros por parte do organismo. Unha contía, cofinanciada co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que ascende ata superar os 12 millóns de euros ao sumar as achegas privadas.

No relativo ao GALP Ría de Pontevedra, estas axudas traducíronse en máis de 792.000 euros subvencionables para os 14 proxectos, seis deles produtivos, que se impulsaron desde o grupo co obxectivo de dinamizar o tecido socioeconómico dos territorios da área da influencia (Marín, Bueu, Sanxenxo, Pontevedra, Poio ou Meaño) do grupo, promovendo a profesionalización e a formación do sector. Estes proxectos crearon catro novos postos de traballo e contribuíron ao mantemento de 19 empregos.

A nivel global, no período 2016-2019, os GALP galegos sacaron adiante 390 proxectos, os cales recibiron máis de 24 millóns de euros de fondos públicos e máis de 34 millóns de euros da inversión privada.

Na reunión deste luns tamén se abordaron diferentes aspectos vinculados coa continuidade da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) na que continuarán a traballar os grupos de acción local do sector pesqueiro galegos para os anos 2021 e 2022.

Neste sentido, lembrar que a convocatoria de axudas a proxectos vinculados ao mar remata o 1 de marzo do vindeiro ano. Para máis información poden contactar co GALP no 886 213 015 ou gacpontevedra@gmail.com.

Comparte isto