A nova normalidade chega ás prazas de abastos

Posted by

A Fase 1 trouxo consigo un cambio nos fluxos de persoas e vendas das prazas

Dende o luns 11 de maio Galicia viviu na Fase 1 da desescalada. Durante o tempo que permaneceu nesta fase, a cidadanía gozou dunha maior mobilidade e autonomía. Ademais, foron moitos os locais comerciais que abriron as súas portas e os hostaleiros puxeron de novo as terrazas a funcionar, aínda que ao 50% da súa capacidade. Este primeiro paso cara unha nova normalidade fíxose notar nas prazas de abastos. Praceiros e praceiras constataron un cambio nos fluxos de persoas e de vendas, así como novas problemáticas relacionadas coas normas para a prevención da Covid-19. Con eles falou o GALP Ría de Pontevedra.

Sobrevivindo grazas ao servizo a domicilio

Pasadas dúas semanas desde o inicio da Fase 1 as prazas notaron un cambio de tendencia “Hai un pouco máis de xente e xa non repartimos tanto a domicilio como antes”, comenta o presidente da Asociación da Praza de Abastos de Sanxenxo, Egidio Barral. Dende a declaración do Estado de Alarma “servimos máis a domicilio porque había clientes que non podían vir”, pero os que viñan “tomábano con calma porque facían unha compra máis grande, para toda a semana, ao non poder vir dúas ou tres veces á semana”, explica Barral.

Na praza de Bueu tamén notan que na Fase 1 os ánimos da xente están máis calmados “Ao principio a xente viña con medo, compraban e marchaban, pero agora están tan relaxados que ata fan corrillos e paran a falar”, conta a presidenta desta praza, María de los Ángeles Cruz. Mais para chegar a este punto os praceiros e praceiras pasaron varias semanas difíciles. “Durante a etapa de confinamento notamos que as vendas baixaron moito e agora hai algo máis de movemento, pero nada parecido ao de antes”, explica Rocío Domíguez de Pescados Bea, na praza de Pontevedra. Esta praceira de terceira xeración considera que o desastre económico de moitas familias que, dun día para outro, atopáronse sen ingresos e recursos, impacta no movemento de produto: “Hai xente que non cobrou os ERTES e iso nótase nas vendas”, expón asumindo que aqueles clientes que viron minguada enormemente a súa capacidade adquisitiva non volverán.

Pescados Bea, Praza de Abastos de Pontevedra

No mercado de Portonovo só permaneceu aberto un posto de marisco, Mariscos Portomar, rexentado por Loli Alarcón, presidenta desa praza. “Durante o estado de alarma na praza pasámolo moi mal porque a xente non saía da casa e facían as súas compras nos supermercados”, rememora Alarcón. “Das prazas, como que se esqueceron”, e engade que “cando pasou unha semana a xente, con coidado, empezou a vir aos poucos” pero o que realmente supuxo unha ruptura coa tendencia negativa en vendas foi “levarlle a compra a casa a todo o mundo: o servizo a domicilio, que facíamos sen pedido mínimo”.

Con crise ou sen ela “o cliente que é de mercado vai seguir sendo de mercado”, esta máxima repítena os catro entrevistados. Rocío Domínguez teno claro: “A miña clientela respondeu ao máximo, non me fallou unha, tiveron un comportamento exemplar, son fieis e non cambian de establecemento e se non podían vir pedíanme e servíalles a domicilio“, refire, orgullosa do compromiso da súa clientela. En Pontevedra, o mercado non só vive da cidade do Lérez, senón tamén das aldeas e das xentes da contorna, así que o servizo a domicilio empezou a traballar xa nos primeiros días do confinamento. “Funcionou moi ben e puiden levar a mercadoría á miña clientela”, explica a responsable de Pescados Bea.

Barral estima que en Sanxenxo “o reparto a domicilio estivo funcionando ben” e cree que os novos clientes que -ou ben se achegaron ata a praza ou ben pediron a domicilio- “son clientes que podemos gañar porque viron a diferenza dos nosos produtos, a calidade que teñen”.

E non só enviaban produto a clientes de tódolos días, senón que parte do xénero ía destinado a envíos para o resto da península. “A min o que me salvou foron os envíos para fóra”, recoñece Loli que ten unha listaxe de clientes “de verán” que durante o confinamento realizaron pedidos e que “en menos de 24 horas tiñan o produto da praza na casa”. Este tipo de pedidos tamén aumentaron na praza de Sanxenxo. O seu presidente sinala “un incremento importante nos pedidos para fóra, para Madrid, Barcelona, Asturias… Tódalas semanas saía algo; o cliente pide o que precisa hoxe pola mañá e ao día seguinte, antes das dúas da tarde, xa o ten na casa”.

Na praza de Bueu tamén houbo moito movemento grazas ao servizo a domicilio e María de los Angeles, a súa presidenta, está convencida de que durante este tempo “conseguimos fidelizar a clientes que non eran habituais”. O mesmo pensa a representante das praceiras de Portonovo: “O cliente novo que fixemos durante a pandemia queda porque unha vez que vas á praza, onde tes un produto de calidade e un bo servizo, por que vas cambiar?”, pregunta Alarcón.

A pesares do confinamento a xente compra peixe e, aínda que sorprenda, tamén marisco. Cruz, que mantivo o seu posto de venda de marisco e bacallau aberto, recoñece que na última semana “a venda foi bastante boa”. A xente anímase e no seu posto as centolas, lagostinos, ameixas, berberechos, mexillóns e lumbrigantes encontran comprador. En Portonovo, Loli mantívose ao pé do canón vendendo marisco, foi o único posto de marisco desa praza que seguiu aberto. Os seus clientes decantáronse polos mexillóns, berberechos, ameixas e lagostinos. “E nas fins de semana anímanse e sae o centolo da Ría, a cigala. A xente ao non poder saír da casa a un restaurante quere darse un gusto e preparan algo especial”.

O posto de Rocío dispensa estes días “peixes azuis pequenos que neste tempo apetecen” e tamén “algo de marisco” porque “a xente para saír da rutina leva unha centoliña, un bo peixe e fai unha boa comida”. Nos primeiros compases do confinamento vendeuse bastante pescada, “un peixe que perdera o prestixio pero que como conxela moi ben tiña compradores”. Tamén “o rodaballo e o sanmartiño”.

Para todos eles, o servizo de entrega a domicilio serviu para capear a etapa máis dura desta crise sanitaria. Coa xente recluida nas casas e as vendas en supermercados e online á alza, conseguiron non só seguir fornecendo aos seus clientes habituais, senón tamén achegarse a novos compradores que, a bo seguro, converteranse en “fieis da praza”.

Nos mercados e prazas de abastos é posible facer unha compra saudable e comprometida, unha aposta polo produto local e de temporada que (re)active o emprego e a economía das vilas. A pesares da crise provocada pola Covid19 Loli é optimista: “Creo que a praza sairá reforzada porque a xente valorará o que temos”. O compromiso coa calidade das prazas é unha constante, o compromiso dos consumidores con elas non debe ter data de caducidade.

Máscaras para un verán incerto

Tódalas prazas están a traballar baixo unhas pautas que extreman a hixiene e a seguridade ao fin de evitar contaxios e de garantir a seguridade tanto de traballadores como de clientes. O uso de máscaras e guantes, a colocación de dispensadores de xel, os carteis informativos ou as barreiras para garantir o distanciamento social son unha realidade á que se teñen que habituar ámbolos extremos do proceso de compra. Ao traballo para garantir a seguridade e o uso indispensable de materiais que actúen como barreira ante a Covid19 hai que sumarlle a responsabilidade dos praceiros e praceiras que velan polo cumprimento das normas.

“Sempre hai alguén que vén sen máscara ou sen guantes ou que non respecta as medidas e nós temos que avisarlles”, comenta o presidente da praza de Sanxenxo. E é que como ben sabe María de los Angeles polo que observa na praza de Bueu “hai xente que o fai ben pero tamén quen o fai mal”. Na súa praza procuran evitar as aglomeracións que se producen certos días así que, a maiores das normas, “ás veces hai que dicirlles algo aos que veñen porque non pode ser que entren familias xuntas” ao final “hai quen se adapta ben as normas pero hai outros que non son conscientes, ou non respectan ou ben non se dan contan, e temos que darlles un toque”.

“As máscaras son duras, son incómodas, pasamos calor, a desinfección é constante, usas os guantes –eu non collo peixe sen guantes- pero cada vez que os quitas tes que darlle co xel… Eu teño as palmas das mans sen pel!”, recoñece Rocío que, ademais, está convencida do fundamental que é “seguir as medidas de seguridade e non relaxarnos”.

Durante a Fase 1 a mobilidade estivo limitada á provincia, certo que nas prazas de Bueu, Pontevedra, Sanxenxo e Portonovo podíamos atopar xente doutros concellos, pero era algo puramente testemuñal. Ningún dos entrevistados conta cos clientes de fóra ata máis entrado o verán e con limitacións, xa que o turismo vai sufrir un duro revés. Tras perder a campaña de Semana Santa, estiman que a de verán non terá a afluencia doutros anos.

Barral recoñece que a mobilidade provincial notouse “un pouquiño”. Tamén a segunda residencia, “con xente de Vigo ou do interior da provincia, pero unha porcentaxe moi pequena” e espera que “cando poidamos movernos a nivel autonómico xa será outra cousa”. Loli sabe que á xente gústalle “vir á praza, ver o que hai, mirar o produto” pero asume que “este ano vai ser un pouco duro; teremos que capear o temporal e, mentres sigamos aquí, ir pelexando”. Rocío tampouco é optimista porque “agora mesmo as vendas están moi baixas”, e relaciónao coa limitación de mobilidade interprovincial.

A canle Horeca, tan fundamental para a praza, segue pechada e aínda que algunhas terrazas están abertas, iso non inflúe nas vendas dos praceiros e praceiras. O verán copa as esperanzas do sector da restauración e pode insuflar vida ás economías das prazas. Porén, hai moitas reservas con respecto á reapertura dos restaurantes. Rocío non augura unha boa campaña: “moita xente non virá, vai ser un verán pobre, e a nivel restauración, non sei como farán para manterse”.

Comparte isto