Amar o Mar: proxecto de educación ambiental e ciencia cidadá

Posted by

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra é entidade colaboradora da Consellería do Mar para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020.

O GALP Ría de Pontevedra, como parte da súa aposta pola educación ambiental como ferramentas necesarias para encarar un futuro sostible puxo en marcha no ano 2019 o proxecto “Amar o Mar, Ría de Pontevedra sen plásticos” cuxo obxectivo é fomentar o coñecemento, ao través da ciencia, das praias como patrimonio natural e cultural vinculado ao mar e concienciar á cidadanía da necesidade da súa conservación, facendo especial incidencia na problemática da contaminación mariña por plásticos.

O programa dirixiuse a escolares de 5º e 6º de primaria e conseguiu a implicación de toda a comunidade escolar. Nesta primeira edición participaron un total de 231 persoas entre escolares, mestres, nais e pais, pertencentes a seis colexios, un por cada concello do territorio do GALP Ría de Pontevedra:

• CEIP Coirón-Dena en Meaño
• CEIP Plurilingüe A Florida en Sanxenxo
• CEIP Plurilingüe de Chancelas en Poio
• CEIP Cabanas en Pontevedra
• CEIP de Seixo en Marín
• CEIP da Torre-Cela en Bueu

Os participantes neste proxecto puideron desfrutar de toda unha mañá de actividades de educación e sensibilización en torno á problemática do lixo mariño e da necesidade de reducir, reutilizar e reciclar os residuos xerados: RRR.

As actividades consistiron nunha charla de sensibilización no propio centro (de 1 hora de duración) que incluía un pequeno xogo e a limpeza dunha praia próxima ao centro educativo (2 horas). Durante a limpeza da praia, is escolares tiveron que traballar como auténticos científicos separando e contabilizando os distintos tipos de lixo mariño atopados. Para elo seguiron o protocolo de traballo estandarizado de “MARNOBRA”, unha plataforma que ten por obxectivo recompilar, almacenar e mostrar dun modo sinxelo información sobre o lixo mariño das costas e praias españolas. Tamén puideron estudar os microplásticos agochados entre as algas e os grans de area grazas ás pinzas e lupas que se lles proporcionaron. Ao final da xornada fíxose unha posta en común contabilizando e pesando todo o lixo retirado.

Para a divulgación dos resultados da limpeza das praias os datos recollidos serán subidos á plataforma “MARNOBA” onde poderán ser consultados por todo o mundo, ademais os participantes crearán pequenos vídeos divulgativos que serán difundidos a través da páxina web e das redes sociais do GALP Ría de Pontevedra.

Entre os resultados máis salientables levadas a cabo neste proxecto están:

• Retirada de 30 kg de envases de plástico e 26 kg de lixo da fracción resto na praia de Placeres en Pontevedra, unha praia que tan só ten 30m de longo.
• 17 kg envases de plástico, 53 kg da fracción resto e 577 cabichas en 280 m da praia de Aguete, en Marín.
• 200 kg de plásticos e 300 kg da fracción resto na praia de Chancelas, Poio, de 210 m de longo.
• 1235 cabichas en 100 m da praia de Silgar, en Sanxenxo.
• 259 fragmentos de plástico menores de 2,5 cm e 174 tapóns de plástico, 1,5 kg de velas e cera e 1 bidón con gasoil en 200 m da praia de Foxos, en Sanxenxo.
• 160 fragmentos de plástico menores de 2,5 cm e 141 envoltorios de chucherías, en 200 m da praia de Agrelo, en Bueu.

Comparte isto