Andrés Simón, asistente técnico da Lonxa de Campelo: “A xente xoga á ruleta rusa cando compra produtos que proveñen do furtivismo”

Desde o 2018, cada 5 de xuño celébrase oDía Internacional da Loita contra a Pesca Ilegal, Non Declarada e Non Regulada. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) calcula que a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada supón a perda de 11 a 26 millóns de toneladas anuais de peixe, o que equivale a entre oito a dezaoito miles de millóns de euros.

Con motivo desta efeméride, desde o GALP Ría de Pontevedra conversamos con Andrés Simón, asistente técnico da Lonxa de Campelo, para coñecer en que punto se atopa o furtivismo na nosa ría. Segundo datos do Servizo de Gardacostas de Galicia, durante o 2020, realizáronse 867 inspeccións nos que se produciron 3.669 comisos e rexistráronse 400 denuncias por marisqueo ou pesca ilegal. Converténdose a ría de Pontevedra na segunda zona con maior actividade furtiva, despois da de Arousa.

Desde a Lonxa de Campelo, detectaron que a pandemia influíse no furtivismo da zona?

Aquí temos un furtivismo moi organizado, como pasa en determinadas zonas de Arousa, un grupo de persoas que se dedica a el profesionalmente. Ten habido recaudacións de 400 ou 600 quilos. Así que máis alá de que non lles deixasen saír nun momento determinado, non supuxo unha gran diferenza.

O marisqueo é unha das actividades do sector onde máis furtivismo se rexistra. A que cre que se debe isto?

Ten unha facilidade moi grande de recolección, baixas á praia andando, escarvas coas mans e xa te levas o produto, non é como ter unha embarcación e saír desde a costa, e logo a colocación no mercado é relativamente sinxela. Ao ser fácil de recoller, de gardar e de agochar, facilítase moito este traballo. Tamén hai moitas zonas nas que está moi arraigado, é, digamos, parte da cultura popular.

Existe unha certa aceptación social do furtivismo?

No seu momento habíaa, pero creo que o feito de que as mariscadoras se profesionalizaran produciu un cambio, pasamos de ‘vou recoller á praia e que mas dá’ a ‘estou cometendo un roubo dun produto do que alguén vive’. Penso que aí a aceptación social do furtivismo baixou moitísimo.

Para as mariscadoras, a nivel laboral, en que se traduce esta actividade ilegal?

A actividade ilegal ten varias vertentes. En primeiro lugar, quítanlle o produto e non lles importa ningunha regulación. Logo, véndeno e provocan que os canais de comercialización se saturen; esta é a segunda repercusión. Isto vivímolo, non no marisqueo, pero sí en especies que tiñan menos saída.

Tes unha parte que che afecte ao produto, outra que che afecta á xestión e outra de ámbito social, que é moi potente no marisqueo. Porque aínda que en volume non che afecte a nivel de produción, si desmolariza moito á xente e quítalle as ganas de facer traballos extra. Se ti o sábado fas un traballo e despois o domingo alguén che leva 20 quilos, aínda que non sexa unha cifra brutal para unha praia das nosas, aféctache.

Outra parte é a do mercado ao entrar sen ningún tipo de control sanitario. Temos tido momentos de peches por toxinas ou por contaminación microbiolóxica nos que teñen collido a furtivos. Se é a pequena escala e alguén lle vende a un veciño e este se pon malo, cala a boca porque sabe onde comprou o produto. Pero se chega ao canal comercial, aos restaurantes, podes provocar unha intoxicación e é unha intoxicación con produto galego. Aí empezan os problemas das caídas de peticións, no mercado.

Impacta na imaxe da actividade.

Impacta na imaxe, na comercialización, na seguridade que a xente ten á hora de comer o produto de aquí.

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño detectaba estes días altos niveis de toxina amnésica nas praias do fondo da ría da Pontevedra, o que supuxo a paralización do marisqueo. Que efectos pode ter para o noso organismo o seu consumo?

Esta non é das toxinas que máis reacción dá a primeira vista, se a consomes nunha cantidade importante vas ter malestar de estómago. O que pasa é que é unha toxina acumulativa e acaba afectando ao sistema nervioso a longo prazo. É unha toxina típica da vieira, podes comela e dicir ‘dá igual, non me fixo nada’ e ao mellor nuns anos non recoñeces a ninguén da túa familia.

Son conscientes as persoas que venden este tipo de productos do perigo que supoñen para a saúde?

Hai certa sensación de que non é moi grave e nas zonas de costa hai certa tolerancia a este tipo de produtos, aínda que estean malos. Non son conscientes do que pode supoñer. Por exemplo, unha toxina paralizante alta non quita que te deixe no sitio ou o pases bastante mal. Digo toxina, pero tamén podo dicir contaminación microbiolóxica, de feito, da bacteria coli morre xente todos os anos ou queda con secuelas moi graves.

Comentaba que a actividade furtiva está moi organizada, cóntanse cos mecanismos suficientes para controlala?

Os servizos de vixilancia téñenos localizados e moitas veces xa saben onde van actuar e fanlle esperas para requisarlle o marisco. O problema é que non hai unha lexislación potente, cóllenos non sei cantas veces, decláranse insolventes e siguen. Agora, hai unha ferramenta, que é o furtivismo reiterado, pero para que te collan catro ou cinco veces, cantas tiveches que ir?

Entón, a lexislación existente non resulta efectiva?

Pelexouse bastante para que o furtivismo reiterado puidese ser delito penal, pero non é tan sinxelo. O de declararse insolvente funciona moi ben para toda esta xente porque lles permite vivir con faltas administrativas ata a fin do mundo.

Ademais do impacto que comentabamos na saúde e no eido laboral, que representa o marisqueo non regulado para o medio mariño?

Non se vai respetar ningún tipo de medida, non hai tallas mínimas, non hai épocas, non hai zonas, van e collen o que poden co que poden. Hai furtivos que son internos, xente con licencia de pesca ou de marisqueo, que tiran un rastro pola popa e enchen do que sexa, dalles igual destrozar unha zona con semente ou valor ecolóxico.

Que medidas serían precisas adoptar para concienciar á poboación das graves consencuencias que ten o furtivismo?

Máis alá de que lle esteas quitando á xente o seu modo de vida, creo que hai que incidir moito na parte sanitaria e no perigo que representa. Agora temos un peche no que o límite de toxinas está dez veces por encima, esta é amnésica, pero fai pouco tivemos un peche por paralizante, iso é dinamita, aí é onde máis habería que incidir, en que realmente están xogando á ruleta rusa cando compran produtos destes.