Aprobadas as recomendacións finais da avaliación intermedia

Posted by

O GALP Ría de Pontevedra aproba as recomendacións finais da avaliación intermedia que promoven cambios no tramo final do período de execución (2020 – 2021)

O pasado día 16 o GALP Ría de Pontevedra celebrou unha Asemblea Xeral Extraordinaria para a aprobación das novas condicións para o financiamento de proxectos entre 2020 e 2021. As novidades derívanse da Avaliación Intermedia, un proceso de auditoría participativa que dende maio revisou a actividade do GALP entre 2016 e 2018. As entidades socias representadas o mércores consensuaron unha nova distribución do remanente de fondos entre os 5 obxectivos estratéxicos para o desenvolvemento sostible da zona costeira habida conta de que o obxectivo de diversificación está sobre executado. Tamén se abordou a introdución de cambios nos criterios de baremación dos proxectos que se presentan ás convocatorias da entidade e a delimitación dunha das medidas dentro das cales o GALP viña financiando proxectos, relacionada coa rehabilitación e construción de inmobles con fins turísticos. Ao afectaren estas modificacións ao documento marco que guía a acción da entidade, a súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, serán comunicadas á Consellería do Mar; que as valorará e decidirá o convinte da súa entrada en vigor nas vindeiras convocatorias de axudas para a dinamización dos sectores máis ligados ao mar da Ría de Pontevedra.

No que atende ao orzamento, habería 2 movementos principais nos máis de 2 millóns de euros que conforman o remanente de crédito para este período 2019-2021. Por unha banda a proposta acordada onte abrangue o transvasamento de preto de 500.000 euros non executados entre 2016 e 2018 no financiamento de proxectos para a mellora da competitividade do sector pesqueiro (Obxectivo Estratéxico 1) a unha das liñas con maior demanda, a de diversificación e xeración de actividade económica no litoral dos 6 concellos limítrofes coa Ría de Pontevedra (Obxectivo Estratéxico 2); a cal está sobreexecutada, o que obriga a estes cambios. Ademais, aumentaríanse en 100.000 euros os recursos reservados para proxectos que xeren melloras ambientais ou concienciación ecolóxica (Obxectivo Estratéxico 3); en detrimento do total de fondos destinados a proxectos que contribúan á posta en valor e á conservación do patrimonio cultural vencellado ao mar (Obxectivo estratéxico 4). Os fondos adicados á mellora da gobernanza ou iniciativas que fomenten a cooperación entre axentes locais non se modificarían (Obxectivo Estratéxico 5).

Co ánimo de favorecer a presentación de proxectos entre 2019 e 2021, a Asemblea de onte conviu formalizar aclaracións sobre como se aplican a vintena de criterios que permiten baremar sobre 100 os proxectos. Acordouse tamén graduar as puntuacións para favorecer que máis expedientes sumen puntos, crear un incentivo para que os proxectos que teñen un impacto ambiental axuden á sostibilidade na xestión dos recursos mariños ou as actividades produtivas relacionadas coa pesca e reducir de 81 a 71 a puntuación mínima requirida para que os proxectos poidan obter a máxima porcentaxe de financiamento.

Por último, decidiuse propor unha delimitación nunha das medidas dentro das cales a entidade financia proxectos: a mellora da oferta das instalación hostaleiras de baixo impacto ambiental dentro da zona costeira. De ser validado o cambio pola Consellería do Mar, nas seguintes convocatorias deixarían de ser subvencionables polo GALP Ría de Pontevedra os proxectos destinados a apertura de apartamentos turísticos, construción e rehabilitación de inmobles con fins turísticos.

Comparte isto