Coñecendo o proxecto de cooperaración Bitácoras do Mar

Posted by

O proxecto Bitácoras do Mar é unha proposta de colaboración entre cinco dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia na que participa o GALP Ría de Pontevedra. Este proxecto quere poñer en valor a interacción entre os grupos, revisar o traballo realizado ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca no período 2014-2020 e afondar na gobernanza das zonas costeiras.

Bitácoras do Mar está enfocado na mellora da gobernanza, un factor estratéxico para todos os GALP que ademais está incluído nas súas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Falamos cunha das responsables deste proxecto, Ana Díez da cooperativa Cidadanía, para coñecer mellor as Bitácoras e as actividades que acaban de iniciar.

En que consiste o proxecto Bitácoras do Mar?

Trátase dunha iniciativa de cooperación entre cinco dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro galegos (os dous Ártabros, Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra) que busca pór en valor conxuntamente os resultados da execución do programa do FEMP no reforzo da gobernanza das zonas costeiras como axentes que contribúen ao desenvolvemento local.

Cales son os obxectivos que persegue?

O principal obxectivo é recoller as leccións aprendidas e as boas prácticas na xestión do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, analizando o seu impacto na economía azul e resaltando o traballo feito polos grupos. Consideramos que Bitácoras é moi interesante porque entendemos a cooperación como a mellor ferramenta para a optimización dos recursos existentes e a definición dunha orientación conxunta dos GALP para contribuír a acadar os logros da economía azul.

A cooperación resulta fundamental para os GALP.

Creemos que o proxecto das Bitácoras é bo para os GALP porque ofrece espazo para a reflexión do traballo levado a cabo en cada un dos territorios dende un prisma de cooperación co resto de grupos. Párase a valorar as boas prácticas que se deron no desempeño do traballo de cada grupo, destacando proxectos de referencia e realizando ao tempo unha análise tanto individual como conxunta para ver cara onde ten que ir encamiñado o traballo no novo programa do fondo e nas novas estratexias de cada territorio

Este proxecto divídese en varias fases. Cales serían?

Primeiramente, houbo unha fase inicial na que definiuse con cada grupo o marco operativo de traballo e achegámonos á zona costeira. Revisouse a información sobre o programa de axudas e as actividades de cooperación e de animación e fixéronse traballos de campo para analizar as experiencias desenvoltas no territorio para a identificación de boas prácticas.

A continuación iniciouse a fase de desenvolvemento, que é na que estamos agora. Nesta fase realizaremos unha serie de parladoiros que serán espazos de interacción no territorio que poñan en valor o impacto dos grupos na promoción da economía azul.

Por último, a fase final servirá para sacar conclusións de todo o proceso, destacando os logros acadados para definir unha visión participativa e conxunta da nova realidade social vinculada á economía azul e ao novo Pacto Verde, que guiará o horizonte de traballo nas zonas costeiras.

A fase de desenvolvemento consta dunha serie de accións específicas que se van desenvolver nos vindeiros meses. Podes explicarnos un pouco en que consisten?

Na fase de desenvolvemento das Bitácoras artellamos os parladoiros, xornadas de reflexión conxunta que queren poñer en común experiencias de referencia. A idea é intercambiar experiencias de referencia en conxunto para compartir vivencias e reforzar a cohesión social. Dentro dos parladoiros, deseñamos temáticas en cada territorio que responden ás seguintes liñas:

    • GALP Costa Sostible: Desenvolvemento sostible das zonas costeiras. Venres 22 de abril no Hotel Meiga de Mar de Carnota.
    • GALP Golfo Ártabro Norte: Economía azul e pacto verde: retos para a costa galega. Venres 6 de maio na Confraría de Barallobre (Fene).
    • GALP Ría de Arousa: A identidade das comunidades costeiras: que é ser de costa? Xoves 12 de maio no Pazo de Vista Real (Vilanova)
    • GALP Ría de Pontevedra: O modelo de gobernanza das zonas costeiras de Galicia. Venres 10 de xuño na Lonxa de Portonovo (Sanxenxo)
    • GALP Golfo Ártabro Sur: O produto pesqueiro: consumo e innovación. Venres 17 de xuño na Lonxa da Coruña.

O pasado venres tivo lugar a primeira actividade, un parladoiro sobre desenvolvemento sostible das zonas costeiras. Como foi este primeiro encontro?

A finalidade deste parladoiro era a identificación de modelos de desenvolvemento sostible para a nosa costa. Cuestións como a ordenación do litoral, as actividades económicas, a paisaxe, os recursos pesqueiros, a biodiversidade, preservación e protección da zona costeira e o medio mariño, así como o turismo teñen que estar presentes nas próximas estratexias dos GALP.

O parladoiro foi no Hotel Meiga do Mar de Carnota e estivo composto dunha mesa redonda, unha presentación das leccións aprendidas da FEMP 2014-2020, das conclusións e de propostas de mellora para o novo período do FEMP. Tamén tivemos unha exposición de paneis de boas prácticas e visitamos proxectos como a confraría de Lira, Mar da Morosa ou Faro Lariño.

Comparte isto