Coñeces Rooteiro?

Posted by

Andrés Rodiño é un dos moitos promotores que solicitou as axudas que xestiona o GALP Ría de Pontevedra para dar forma ao seu proxecto emprendedor. Así naceu Rooteiro, un proxecto enmarcado na liña de patrimonio que ofrece aos visitantes a posibilidade de coñecer Galicia dun xeito diferente.

Que?

Rooteiro elabora e acompaña en itinerarios turísticos que poñen en valor o patrimonio cultural, natural e gastronómico galego. Rooteiro leva en activo ano e medio. Podes coñecela a través da súa web e das súas redes sociais (Facebook, Pinterest, Instagram) e saber o que opina a súa clientela en Tripadvisor.

Quen?

Andrés Rodiño vivía en Escocia onde entrou en contacto con turismo baseado nas experiencias. Sabía que en Galicia había nicho para esta clase de turismo, volveu e apostou pola posibilidade de “facer un turismo diferente”, vivencial, apegado ao noso e que valorizase esa Galicia menos coñecida. Rooteiro é Andrés, un promotor que con ilusión e “moi traballo” elabora rutas únicas, achegando a nosa contorna, a súa historia, as súas xentes e tradicións e a súa natureza a visitantes de todo o mundo. Compartir o noso axuda a mantelo vivo.

  

Pontevedra

Nesta provincia oferta unha ruta en barco pola Ría de Pontevedra e unha visita a unha bodega de Albariño. A primeira experiencia permite coñecer a historia dunha das rías máis emblemáticas de Galicia, unha historia de mariñeiros, piratas, illas, hórreos, bateas, mexillóns e viño… Unha viaxe sensorial, olfactiva e gastronómica inigualable. A segunda ofrece a posibilidade de coñecer a historia dunha das uvas máis prezadas de Galicia así como as bodegas que miran á ría e que están enmarcadas baixo a D.O. Rías Baixas.

Curiosidades

“Parece que os clientes estranxeiros son os máis interesados neste turismo vivencial”. Segundo Andrés, as experiencias que mellor acollida están tendo son as baseadas no enoturismo e no turismo gastronómico. En Rooteiro hai, ademais, ofertas de sendeirismo e aventura.

GALP

Andrés coñeceu o GALP Ría de Pontevedra grazas á Asociación de Dornas de Portonovo. Alí “faláronme do GALP, das axudas e asistín a unha das reunións informativas que organizaba o GALP”. Descoñecía se podía solicitala, se cumpría os requisitos “pero resulta que si” e veume ben porque “para empezar fai falla unha axuda, non é fácil”.

Futuro

Andrés cree que hai potencial no turismo de experiencia en Galicia. Oferta os seus itinerarios en inglés, galego e castelán. Pouco a pouco espera que Rooteiro medre, ampliar itinerarios e cadro de persoal. De momento, e por mor da Covid 19, “non paro de formarme e de traballar na mellora de Rooteiro, hai moito que facer, por exemplo, na web”.

Comparte isto