- O territorio do GALP Ría de Pontevedra recibe a unha delegación croata
- Unha xornada de aprendizaxe mutua coa pesca artesanal como protagonista
Este xoves, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra compartiu a súa experiencia e coñecemento cunha delegación do GALP Istrian Sole de Croacia. Este GALP, situado na península de Istria, combina unha próspera actividade turística cunha rica tradición pesqueira. A súa posición xeográfica, próxima a Eslovenia e Italia, e o seu patrimonio cultural e natural, o fan ideal para a cooperación e o desenvolvemento turístico. A súa estratexia, centrada na sostibilidade e eficiencia, busca diversificar e fortalecer a comunidade pesqueira local. A pesar de ser un GALP recente, ten un interese marcado en cooperacións transnacionais e en promover a protección medio ambiental.
Estas visitas de estudo, máis que simples encontros, demostraron ser auténticas xornadas de aprendizaxe mutua, onde a troca de experiencias e saberes tende pontes de entendemento e progreso.
A xornada comezou coa visita ao proxecto de Pesca-turismo Playa de Sanxenxo, un proxecto innovador que entrelaza turismo e tradición pesqueira e no que se realizan saídas ao mar a bordo dun barco pesqueiros.
A continuación, Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L mostroulles como a pesca artesanal pode adaptarse aos tempos modernos, potenciando a calidade dos nosos produtos e abrindo novas portas no mercado.
Na visita á confraría de Lourizán, acompañados pola presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez, achegáronse á embarcación de vixilancia coa que subliñamos a importancia de coidar e preservar os nosos recursos, así como de evitar o furtivismo e a introdución no mercado de produtos alleos á cadea de rastrexabilidade.
Un dos puntos fortes desta visita foi a mostra da implantación e resultados da plataforma de xestión do marisqueo Xesmar, un claro exemplo de como a tecnoloxía pode servir á tradición, simplificando procesos e achegando o sector marisqueiro á modernidade.
Finalmente, na Lonxa de Bueu, proxectos como CINTAPESC e MARKETPLACE BUEU ilustraron a adaptabilidade e resiliencia do noso sector pesqueiro, demostrando que sempre hai maneiras de mellorar e innovar. A xornada rematou cunha visita ao Museo Massó instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos, nas inmediacións do porto de Bueu.
Esta xornada, máis aló dunha simple visita, foi testemuño da vital importancia da intercooperación entre GALP. As visitas entre diferentes GALP son esenciais para o desenvolvemento e fortalecemento do sector pesqueiro. Estas viaxes promoven un intercambio valioso de experiencias e solucións, permitindo a cada grupo aprender de desafíos e éxitos doutros territorios. Ademais, estas interaccións fomentan a cooperación e a innovación, expondo os membros a novas técnicas e enfoques que poden ser aplicados nas súas propias rexións. Ao mesmo tempo, estas visitas constrúen redes sólidas entre profesionais, reforzando a identidade e misión de cada GALP e subliñando a importancia da sostenibilidade e responsabilidade na pesca.