Eduardo Esteban, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego: “Falar e investigar sobre o Colón galego é cultura, historia e turismo”

Posted by

No marco da celebración do décimo aniversario da Casa Museo de Poio, que vén de incorporase á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos, o GALP Ría de Pontevedra conversa con Eduardo Esteban Meruéndano, fundador e presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego “Celso García de la Riega”. Fálase da procedencia pontevedresa do explorador, a actividade da asociación e a súa participación no documental, promovido polo Concello de Pontevedra e cofinanciado polo GALP, sobre a relación de Colón e a Ría de Pontevedra.

A Asociación Cristóbal Colón Galego nace no ano 2012, por que e para que se funda esta entidade?

Fúndase co propósito de poñer en valor a orixe galega de Cristóbal Colón. Era un momento no que non había unha corrente oficial, por así dicilo, e non existía ningunha asociación ou organismo que se dedicase a este tema. Decídese, entón, recuperar esta reivindicación que tivo moitísima forza na historia de Pontevedra, Galicia e España. Hoxe vai por moi bo camiño e estanse sumando máis asociacións.

Parte da divulgación e defensa que fan da orixe poiense de Colón apóiase no traballo realizado polo historiador e escritor pontevedrés Celso García de la Riega. Cales son os piares fundamentais desta teoría?

Os piares fundamentais xa os definiu Celso García de la Riega. Por un lado, darse conta de que Colón non podía ser xenovés, o que está clarísimo. Xa en 1928 houbo un fallo nun concurso internacional convocado polo diario ABC onde non se puido determinar que fose galego pero si que quedaba suficientemente demostrado de que non era xenovés.

Volvendo a Celso García de la Riega, a finais do século XIX nace a teoría de que Colón podía ser galego durante os preparatorios das conmemoracións do cuarto centenario do descubrimento de América. É aí cando en Pontevedra se empezaron a ver apelidos Colón e se presenta a posibilidade de que este Colón, o que aparecía nos documentos, fose xustamente o descubridor.

A base é esa: darse de conta de que non podía xenovés. A continuación Celso García de la Riega fai tres bloques. O primeiro, en relación a toda a documentación na que aparecían os apelidos Colón e De Colón en Pontevedra. Isto é o que se chama a base documental da teoría galega. Por outro lado, como segundo bloque, estaba a base da lingua das palabras, dos escritos que nos chegan de Colón. Tales como diarios de a bordo ou os libros que foron traducidos por Bartolomé de las Casas nos que se ven xiros e palabras galegas e nos que as formacións de frases tiñan base galega. É dicir, para Celso García de la Riega estaba claro que Colón coñecía a lingua galega.

E en terceiro lugar: a toponimia. Vendo os sitios que el nomeou no Novo Mundo aparecían un montón de sitios que eran nomes galegos ou topónimos coñecidos da Ría de Pontevedra. Os nomes das cinco confrarías daquel momento e do patrón da parroquia onde se supón que tería nacido (San Salvador de Poio) aparecen como topónimos.

De feito, observáronse 45 topónimos da ría de Pontevedra utilizados polo explorador en América e a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra recolleunos nunha carta náutica. Podería poñernos algún exemplo?

San Salvador sería o centro e desde aí créanse unhas liñas concéntricas e a medida que nos achegamos a el encontrámonos cunha maior cantidade deses topónimos, que se repiten en toda América. Da Ría de Pontevedra é da que hai un maior número de topónimos, ou se coñecen ata este momento. Algúns relacionados coa navegación sacáronse da cidade de Pontevedra como Punta Galea. Tamén aparecían marcas de navegación como Tres Hermanas, un dos puntos por onde entrar ao porto de Pontevedra.

Recentemente púxose a disposición da Cartoteca “Domingo Fontán”, tamén coñecida como a Casa do Mapa, da Deputación de Pontevedra para que a poida ver o público.

Esta carta náutica encargouna a Asociación Cristóbal Colón Galego á Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. No ano 2013 pensamos que este era un organismo totalmente capacitado para poder dicir se os topónimos que nós lle propoñiamos da Ría de Pontevedra, a súa xurisdición, se seguían utilizando como puntos de referencia para á navegación pesqueira e comercial. Despois de consultar os seus arquivos e cartas de navegación, determinaron que 45 topónimos se seguían a empregar desa forma. A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra publicou a carta náutica e este ano a Casa do Mapa interesouse por ela para expoñela, arquivala, dixitalizala e estudala. Para nós é unha satisfacción, a parte da repercusión que ten a nivel divulgativo, saber que un organismo como este a recoñece como un documento importante para que figure dentro dos seus fondos.

En relación á divulgación, no 2014 firmaron un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e desde os seus inicios manteñen un contacto estreito co Consello Social da Universidade de Vigo. Que supoñen estes acordos para a asociación?

Son un recoñecemento ao traballo que se está facendo e a seriedade coa que se realiza. No caso da Universidade de Vigo acordáronse unha serie de actos a facer dentro da universidade (conferencias, charlas) e redactouse un congreso internacional que despois non se puido levar a cabo por falta de fondos. O Consello Social da UVigo vennos apoiando desde a fundación coa súa divulgación e financiación. Co Departamento de Historia de América da Facultade de Xeografía e Historia da USC redactouse tamén un congreso internacional sobre a figura de Celso García de la Riega e o debate da galeguidade de Colón.

Dar a coñecer a teoría é fundamental e non paran de participar en congresos, en pezas audiovisuais. O GALP Ría de Pontevedra vén de aprobar unha subvención para un documental que busca poñer en valor o patrimonio cultural, pesqueiro, acuícola e marítimo da ría e a súa contorna a través da figura de Colón e a asociación participa nel.

O GALP Ría de Pontevedra admitiu a realización dun documental onde á asociación se lle encargou un guión de contidos arredor do que pode achegar o Colón galego. Cremos que vai ser moi interesante e entretido, cuns contidos moi diversos. Tamén será denso porque, efectivamente, hai moito que contar e o tempo é limitado.

Estanse convertendo en referentes da teoría e son os responsables tamén de ir abrindo ese camiño.

O bo é que todas as asociacións culturais, incluso as concellerías e departamentos dos diferentes organismos no apartado de cultura, historia ou turismo o contemplasen. Falar e investigar sobre o Colón galego non é só abordar a súa figura, senón é falar da súa época, da pesca, de como estaba a cidade, das relacións comerciais daquel momento. É cultura, é a nosa propia historia e é turismo. O único sitio onde non se lle está dando o debido respecto de forma turística é en Pontevedra. Nos demais sitios soamente con que Colón tivera durmido unha noite alí xa fan un museo. A figura de Colón despois da de Xesucristo é a máis coñecida, a máis seguida, tamén ten controversia pero por ter controversia non quere dicir que non deba ser respectada. Nós temos moitísimas cousas que nos relacionan con Colón, non explotalas é desaproveitar o patrimonio que temos e penso que isto vaino reflectir moi ben o documental.

O documental recolle toda esa historia que esta aí, na Ría de Pontevedra.

O documental vai intentar abrir novas vías para os investigadores e as persoas que se dedican a facer rutas baseándose no Colón galego. Hai moitos itinerarios pero non se explotan o suficiente, por iso é necesario que os organismos oficiais apoien máis a estas iniciativas e saquen adiante guías, folletos relacionados co tema. Por exemplo, o Colón galego nunca foi a Fitur como figura fundamental e ao mellor era unha boa idea. Coa USC estábase planeado facer un congreso, que ao final non se fixo, no que se preguntase de que patria é Colón sen dicir que é galego. Se esa xuntanza a fas en Galicia, a xente pregúntase por que se fai aquí e din: “Ai, faise en Galicia porque alí teñen unha teoría de que é galego!”. O filme busca mostrar todas as posibilidades que ten a figura de Colón.

En que punto se atopa agora mesmo o filme?

En montaxe, xa está rematado. Inténtase resaltar o que é San Salvador, a Ría de Pontevedra e faise un entronque moi bonito coa diáspora, cos centros galegos, onde se mantivo viva a teoría do Colón galego desde Celso García de la Riega ata o 2012, que aparece a asociación. Centrámonos moito na emigración de Cuba, no Centro Galego da Habana e en dous personaxes moi importantes para a teoría galega: Enrique Zas y Simó e Ramón Marcote Miñarzo. Este foi fundador e presidente dos Comités Pro Colón Español e logrou que os escritores e historiadores da época divulgasen o Colón galego. Ningún libro da teoría do Colón galego falou del ata agora, que empezamos a falar nós. Despois de Celso García de la Riega, é quizais a figura máis importante.

Devecemos por ver ese documental co que aprenderemos un montón de cousas! A este filme precédelle o ‘Colón galego?’ do pontevedrés Ángel Peláez Poyán do ano 2014, no que tamén colaboraron. Como lembra a acollida desta peza?

Foi un documental moi ambicioso onde tocaban o Colón galego pero tamén aqueles temas relacionados coa súa vida. De feito, participaron o que naquel momento era o almirante da flota, o almirante Bolívar e o Duque de Veragua. O documental tiña peso e ségueo a ter porque continúan pasándoo pola TVG e por moitas televisións americanas de fala hispana. Fomos promotores do documental, que estivo nominado ao Premio Iris nas categorías de Mellor Guión e Mellor Realización.

Esperemos que o que está no forno teña a mesma boa acollida.

Este vai durar sobre 25 minutos pero vai ser moito máis denso, dedicándose bastante á Habana pero sempre no ámbito do Colón galego.

Tamén centrado na Ría de Pontevedra.

Si, pero os topónimos hai que velos alí tamén. E moitas das publicacións que tratan o Colón galego, a maioría delas, están editadas na Habana e toda a defensa que se fixo da teoría neses anos fíxose desde o Centro Galego da Habana. Parecíanos fundamental sacar á luz todo isto, tamén haberá algunha sorpresa.

Sen dúbida, é primordial mirar ao outro lado do océano e buscar todas esas referencias. En canto a vostede, de onde lle vén o interese pola figura de Cristóbal Colón?

Sempre me gustou a historia. Este é un tema moi interesante, ten moito fondo e moita transcendencia local e a min sempre me interesou a historia local e a historia de Galicia. Eu non son historiador, non teño libros, o que persigo é chamar a atención para que cada organismo exerza a súa función e faga o que ten que facer. Quero que a xente que ten coñecementos ou capacidade para escribir ou manifestar algo respecto a esta teoría que o faga.

Durante este tempo que levan traballando na difusión, en poñer a atención sobre a figura de Colón e todo o que o rodea, observan un aumento das persoas que avalan e apoian a orixe galega do navegante?

Cada vez hai máis xente que coñece a teoría e a sigue. A asociación ten a súa sede en Pontevedra pero gústanos que o noso campo de actuación sexa fóra dela para poder chegar a máis xente. Por iso, participamos en congresos onde a presenza de países, historiadores sexa o máis grande posible. Notamos que cando a teoría é exposta a xente que non a coñecía e de fóra de Pontevedra, acéptana estupendamente e failles dubidar da teoría do Colón tradicional que se nos vén mostrando nos libros de texto.

A Asociación Cristóbal Colón Galego “Celso García de la Riega”

A asociación ponse en marcha no 2012 e unha das primeiras accións que leva a cabo é poñerse en contacto co Instituto do Patrimonio Cultural de España para que cotexen os documentos de Celso García de la Riega. Este organismo, dependente do Ministerio de Cultura e Deporte, confirma a autenticidade destes escritos, os cales estaban avivados cun método utilizado na época. Desde ese ano ata a actualidade a Asociación Cristóbal Colón Galego reúne a persoas de todo o mundo interesadas na teoría do Colón galego e difúndea con seriedade, participando en congresos tan importantes como o  XII Congreso Internacional de Historia do Papel na Península Ibérica ou o I Congreso Internacional sobre a Exposición Iberoamericana.  Para coñecer de preto o seu labor poden poñerse en contacto coa entidade no correo cristobalcolongalego@gmail.com e no teléfono 680 472 850.

 

 

Comparte isto