Entrevista a Pedro Alonso, mergullador e videógrafo submarino da Asociación Cultural Rías de Vida

Posted by

“INNOVACIÓN PARA UN OCÉANO SOSTIBLE” este é o tema do Día Mundial dos Océanos 2020 que se celebra este 8 de xuño, unha data para (re)pensar a xestión dun recurso imprescindible, parte esencial da biosfera, que atesoura recursos finitos que debemos respectar e coidar. De aí que a introdución de novos métodos, ideas, produtos e tecnoloxías sexa un paso fundamental para un futuro no que os nosos océanos continúen a cegarnos e sobrecollernos co seu potencial.

Para coñecer mellor a beleza e biodiversidade que se agocha baixo a superficie, o GALP Ría de Pontevedra entrevistou a Pedro Alonso, mergullador e videógrafo submarino, responsable da Asociación Cultural Rías de Vida e do proxecto de vídeo submarino Rías de Vida que contou co financiamento do GALP Ría de Pontevedra, a Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que podedes atopar na súa canle de Youtube.

O día 8 de xuño celébrase o Día Mundial dos Océanos. Que lle parece esta iniciativa que ten por obxectivo concienciar da importancia deste recurso?
Este mes tamén se celebra o Día Mundial da Biodiversidade pero estas celebracións se non se enchen de contido non valen para moito. Dar un día para concienciar sobre isto é o mínimo que se pode facer pero hai que estar machacando seguido.

Cando saio a mergullar a xente no porto dime que para que vou se non hai nada e ao volver sempre me preguntan se pesquei algo. Non entenden que se pode ir simplemente a mirar. Tan canso estou desas preguntan que ata fixen un vídeo titulado ‘¿Y tú qué miras?’

Na nosa ría os problemas existentes de contaminación e sobreexplotación son culpa nosa. Agora mesmo hai problema serios como a invasión de especies de fóra, algas e bichería que chegan nos grandes cargueiros ou que pasan polos controis. Todo isto afecta ás nosas rías porque estas especies esóxenas atopan un espazo rico e sen depredadores onde medrar. E a xente, como iso non se ve porque non é tan visible como unha velutina que pode picarte, non se queixa. Neste momento, por exemplo, hai zonas con sargazo xaponés que xa non son navegables

Cal é o estado da Ría de Pontevedra?
Neste momento ningún dos afluentes que verten na ría de Pontevedra está caracterizado cos residuos que leva. Temos problemas de fosfatos da horta industrial, dos abonos, temos problemas de nitratos. Agora mesmo está todo descontrolado. O primeiro sería identificar correctamente cales son cada unha das mostras que temos na ría e tomar medidas en consecuencia. Sempre que hai un problema achácase a Ence pero non é a única industria que afecta á ría.
Tamén hai que facer que se respecten cen por cen as tallas e as vedas na pesca e no marisqueo, e que todo pase por lonxa, levando unha conta exacta do que sae. Cando se teña feito todo isto poderemos empezar a falar dunha rexeneración das rías, en xeral, non só da de Pontevedra.

En Galicia, estase a innovar para preservar o noso mar?
En principio non. O mar como un recurso natural sobreexplotado. Agora mesmo non hai ningún estudo de caracterización dos residuos das augas, e temos un problema de cambio climático que afecta as nosas costas. O que temos é un mar industrializado, habería que apostar por unha xestión do mar moito más tradicional e moito máis respectuosa.

Unha vez dixo: “É máis fácil coidar do que se coñece”. Considera a divulgación como unha ferramenta para a preservación dos nosos océanos?
Por suposto. Á xente hai que facilitarlles ferramentas para que miren os pequenos detalles do mundo que teñen ao seu carón. Actualmente as praias, as urbanas especialmente, están todas limpiñas, sen unha soa alga. A ninguén ocórreselle ir ao monte e quitar as herbas. Nas nosas praias temos que ter algas, o que non ten que haber é plásticos. As praias límpanse con maquinaria pesada, limpan a area o que fai desaparecen as pulgas de área, un bicho que limpa os grans de area un por un. Agora so falta que un cociñeiro famoso descubra un prato con elas para que a todo o mundo lle gusten e acaben por desaparecer. Hai que saber que o que hai é importante, mesmo se está ao carón dos nosos pés.

O seu afán divulgador fixo posible o nacemento de ‘Rías de Vida’?
Si. Este proxecto naceu en 2019 polas gañas que tiña de mostrar e dar a coñecer o que temos na ría. Unha divulgación dos fondos mariños moito máis educativa. O proxecto foi posible grazas á subvención do GALP Ría de Pontevedra que permitiu adquirir novos equipos de filmación. A canle de Rías de Vida en Youtube, que son vídeos temáticos, debe andar preto das seis mil reproduccións.

Volvendo aos fondos mariños, o mundo submarino galego está cheo de tesouros?
O mundo submarino galego é un gran descoñecido para os que non mergullan. En Galicia cada día somos máis os que mergullamos e sabemos o que hai. O fondo mariño é un recurso natural sustentable que pode visitarse en calquera época do ano. Imaxinemos un lumbrigante, ese animal na praza custa 20 euros e nun restaurante sacarán 50 por servilo con arroz. Ese é o valor económico do lumbrigante. Pero no barco, se eu levo xente a velo, cada un pagará 40 euros por mergullarse xerando un valor económico maior e máis perdurable no tempo, e o lumbrigante seguirá alí, vivo.

O turismo de mergullo e de natureza pode ser un incentivo para atraer xente as nosas costas?
O turismo de natureza é un recurso sen explotar que xera bastante riqueza. Trátase dun recurso que non é estacional como o turismo de praia; tamén se mergulla en inverno, dependemos do estado do tempo pero podemos buscar un recuncho ao abrigo. Nas Rías Baixas sempre mergullas atopas algo, hai moita vida, moitas cores.

Comparte isto