O Galp da Mariña-Ortegal acolle a primeira sesión formativa interterritorial organizada por ‘Un mar en común’

Posted by
  • A xornada, destinada á Xestión Comunicativa, terá lugar mañá martes 26 de 12 a 14h. no Real Club Náutico de Ribadeo
  • O experto en comunicación Roberto Pérez Marijuán será o encargado de impartila e contribuír á mellora das habilidades dos asistentes.
  • Poden asistir as entidades asociadas pertencentes a calquera dos GALP participantes no proxecto (Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Ártabro Sur e Ría de Pontevedra) mediante reserva de praza e transporte. 
  • O proxecto colaborativo de dinamización do tecido asociativo dos GALP, promovido pola Consellería do Mar a través do GALP Ría de Pontevedra, organizará 3 formacións máis nos próximos meses

Na xornada de maña, martes 26 de abril entre as 12.00h. e as 14.00h terá lugar a primeira xornada formativa interterritorial organizada polo proxecto cooperativo ‘Un mar en común’. Pomovido pola Consellería do Mar a través do GALP Ría de Pontevedra, botou a andar en setembro e conta coa participación do GALP Ría de Pontevedra, A Mariña-Ortegal, e os Ártabros Norte e Sur.

O Real Club Naútico de Ribadeo – unha das 52 entidades asociadas do GALP A Mariña – será o encargado de acoller a xornada de Xestión Comunicativa a cargo do experto en comunicación Roberto Pérez Marijuán. Están convidadas a participar calquera das entidades asociadas a algún dos 4 GALP participantes no proxecto e só e preciso contactar co do seu territorio para solicitar praza e transporte. Estas formacións interterritoriais – serán un total de 4 a celebrar nos próximos meses pretenden fomentar tamén as relacións entre os membros dos 4 Grupos de Acción Local Pesqueira citados.

A sesión de coaching-formación Xestión Comunicativa impartida por Roberto Pérez Marijuán ten como obxectivo axudar ao público asistente a mellorar as súas capacidades comunicativas orais.

Cun formato de sesión baixo o modelo TM Internacional, contará cunha primeira parte destinada a traballar as tres claves para comunicar con eficacia e unha segunda na que os/as participantes farán unha intervención retroalimentada polo docente coa técnica sandwich e avaliada polo resto de compañeiros/as nas categorías de linguaxe verbal, linguaxe paraverbal linguaxe non verbal. Terán a posibilidade de ser gravados durante as súas intervencións no seu propio dispositivo móvil para podera comprobar con tranquilidade e na intimidade a consistencia das avaliacións recibididas, que poderán levar por escrito.

Na sesión logarán comprender o seu estilo de comunicación e como sacarlle o mellor partido, adaptar o seu estilo comunicativo ao público obxectivo ao que se dirixan, transmitir as súas ideas con maior claridade para acadar os seus obxectivos, mellorar as súas habilidades comunicativas e descubrir e integrar as claves que teñen verdadeiro impacto na comunicación.

A de mañá en Ribadeo será a primeira das 4 xornadas formativas (unha en cada GALP participante no proxecto) que estarán enfocadas á reforzar mellorar as carencias ou atender ás demandas detectadas nas entrevistas realizadas as persoas das Entidades Asociadas de cada GALP.

“Un mar en común. A afouteza da xente do mar”
O proxecto, do que é responsable a antropóloga e investigadora Cristina Valdés Méndez, foi promovido pola Consellería do Mar a través do Galp Ría de Pontevedra e ten como obxectivos fortalecer o tecido asociativo territorial dos GALP, dotando de ferramentas ás persoas e ás entidades para mellorar a súa relación e a súa comunicación interna e externa.

O traballo de investigación está a permitir facer unha diagnose da situación na que se atopa o sector e poñer en marcha un conxunto de accións (talleres, intercambios de boas prácticas) para impulsar a cooperación e a colaboración interterritorial mediante a participación dos 4 GALP citados anteriormente.

Estruturado en catro fases na primeira tiveron lugar preto de 80 entrevistas aos integrantes das asociacións que forman parte dos GALP para coñecer as súas opinións; na segunda tiveron lugar varias xornadas de formación/ interacción segundo as necesidades que trasladadas por cada grupo; na terceira, de formacións interterritoriais, estase a facer unha posta en común entre as entidades pertencentes aos diferentes Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e por último, na cuarta fase, publicaranse os resultados acadados durante a investigación e propoñerase un manual de boas prácticas que sirva de guía para manter a dinamización do tecido asociativo no futuro.

Comparte isto