O GALP Ría de Pontevedra e APE Galicia asinan un convenio de colaboración

Posted by
  • Traballarán conxuntamente en accións que fomenten o desenvolvemento económico das súas áreas de influencia

A presidenta do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, e o presidente da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), José Ramón Caldas Martínez, asinaron esta mañá na sede de APE Galicia en Pontevedra un convenio de colaboración polo que ambas entidades comprométense a traballar conxuntamente na elaboración de propostas relativas a materias de interese –sectorial ou xeral- para ambas entidades.

Así, tanto o GALP Ría de Pontevedra como APE Galicia traballarán conxuntamente en actividades relacionadas coa información, a formación e o fomento do emprego ao fin de fomentar o desenvolvemento das súas respectivas áreas de influencia. Tendo isto presente primarán aquelas actuacións que aposten pola inserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos, pola cultura emprendedora e o autoemprego, e pola potenciación da diversificación económica.

A maiores, ambas entidades ofrecen ás persoas asociadas da outra institución a oportunidade de participar en todas aquelas accións (campañas, seminarios, cursos, convocatorias, charlas,) que teñan previsto levar a cabo; e tamén implicaranse na difusión das actuacións, proxectos e axudas da coasinante do convenio.

En virtude deste convenio, APE Galicia poderá programar actividades ou outras accións específicas para o outro colectivo, e porá a disposición do GALP Ría de Pontevedra a infraestrutura ou medios técnicos e humanos necesarios para os proxectos que realice. Neste sentido, a entidade pon a disposición do GALP o seu departamento de asesoramento co obxectivo de prestarlle a asistencia técnica e xurídica que necesitase para o desenvolvemento da súa actividade asociativa.

Para o GALP Ría de Pontevedra o colectivo dos autónomos é vital para a dinamización da economía do territorio e do sector pesqueiro en particular, en toda a súa cadea de valor. Son ademais unha parte importante dos solicitantes das axudas e, grazas aos mecanismos de apoio que o GALP Ría de Pontevedra ofrece aos promotores, o número de solicitudes presentadas por autónomos en proxectos produtivos pasou do preto do 20 % ao 46 % na derradeira convocatoria aínda non resolta.

Por outra banda, o número de proxectos produtivos aprobados a autónomos é de 8 o que supón o 20 % dos proxectos produtivos aprobados.

Comparte isto