Máis de 800 alumnos de institutos de Bueu, Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo e Meaño participan no proxecto Remuda Xeracional impulsado polo GALP

Posted by

Técnicos do GALP Ría de Pontevedra imparten máis de 20 obradoiros informativos e guían saídas educativas a entidades e empresas do sector marítimo-pesqueiro para que os alumnos coñezan as posibles saídas laborais e como se desenvolven estas profesións no seu día a día.

Máis de 800 alumnos e alumnas dos distintos institutos públicos e concertados de Bueu, Marín, Poio, Pontevedra, Sanxenxo e Meaño están a participar no proxecto ‘Remuda xeracional, Cal é o teu oficio?’, impulsado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP) para informar e dar a coñecer á mocidade o sector marítimo – pesqueiro e as posibilidades laborais que ofrece o mundo do mar.

Con esta iniciativa, levada a cabo grazas aos fondos de dinamización procedentes da Consellería do Mar e do Fondo Europeo do Mar e da Pesca, o GALP Ría de Pontevedra quere promover o interese polo sector marítimo-pesqueiro dende unha perspectiva profesional e laboral, que free a falta de remuda xeracional que o sector pesqueiro ven experimentando nos últimos anos.

O programa realízase en dúas fases. A primeira, xa practicamente rematada, constou de 21 obradoiros, a través dos cales amósanse aos/ás participantes os diferentes oficios vinculados co sector e as titulacións académicas necesarias para desenvolver ditas profesións.

A segunda consiste nunha serie de saídas educativas nas que se visitarán diferentes entidades e empresas relacionadas co mar e coa pesca, en función do interese demostrado nos obradoiros en canto ás posibles saídas profesionais, permitindo captar a realidade do sector marítimo-pesqueiro, e vivir de primeira man os oficios e experiencias dos traballadores do sector.

O pasado venres 8 de novembro comezamos esta segunda fase do proxecto coa realización dunha visita ás empresas Amegrove e Polymade, a través das cales alumnos/as do IES Sanxenxo tiveron a oportunidade de ver as novas tecnoloxías aplicadas á produción, elaboración e comercialización de moluscos bivalvos e á construción de embarcacións de pesca de baixura, así como os distintos perfís profesionais e oficios asociados. Ata finais de decembro, levaranse a cabo, cando menos, outras oito saídas con alumnos dos institutos participantes no programa.

Desde o GALP entendemos que dar a coñecer os traballos e as distintas saídas académicas vinculadas ao mar é unha boa maneira de que os/as mozos/as valoren e teñan en consideración o sector marítimo-pesqueiro coma unha opción de futuro e conseguir así a remuda xeracional tan necesaria nestas profesións.

Comparte isto