Mar de Velas: Cada vez máis preto dun modelo de xestión para as mariñas tradicionais de Galicia

Posted by

O 29 de outubro, celebrouse un encontro que será decisivo no avance do proxecto de cooperación “Mar de Velas”, iniciativa impulsada polos grupos de acción costeira Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Golfo Ártabro Sur e que ten como obxectivo fundamental a posta en valor e protección do patrimonio ligado ás embarcacións tradicionais de Galicia.

Este encontro levouse a cabo na mariña tradicional de Combarro, escenario idóneo para abordar en profundidade os aspectos relativos á fase actual na que se atopa o proxecto: o deseño do modelo de xestión dunha mariña tradicional. A idea era entrar a debater, tomando como exemplo de partida esta mariña, cales son as problemáticas ás que se enfrontan actualmente e ás que debe dar resposta o modelo de xestión, de xeito que sexa replicable e aplicable aos demais territorios implicados no proxecto.

Na sesión contouse coa participación dunha representación significativa dos colectivos pertencentes aos catro territorios, todos eles integrados na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), quen dende fai moitos anos, custodia e traballa por asegurar a conservación das embarcacións tradicionais en Galicia. Así mesmo, na sesión contouse coa xerencia dos catro grupos GALP promotores do proxecto, os cales tamén aportaron as súas achegas en prol da definición do modelo.

Como resultado deste taller, déronse pasos clave no avance do proxecto, como é a definición dun modelo de organización que xestione a mariña. Ademais, concretáronse as características que debería ter unha mariña ideal, así como as necesidades e recursos que permitan converter este modelo en realidade. Modelo que debe responder ás expectativas comúns dos colectivos, pero que permita conservar a súa individualidade e a posta en valor da identidade xeográfica e cultural que caracteriza a cada un deles.

Este taller supuxo un paso fundamental no avance do proxecto, xa que ademais de servir como formulación do modelo de xestión de Mariña Tradicional, permitiu esbozar xa as directrices da propia Rede de Mariñas de Tradicionais, que será o foco de traballo no que se desenvolverá a seguinte fase do proxecto.

Comparte isto