Marín celebra o Carme en agradecemento ao coidado das xentes do mar durante esta pandemia, de gran impacto para o sector

Posted by

O GALP Ría de Pontevedra conversa con Marián Sanmartín, concelleira de Festas do Concello de Marín; Pascual Martínez, irmán maior da Confraría Virxe do Carme, e Benito Fazanes, do restaurante Kloster de Seixo, sobre o Día da Patroa do Mar

Desde os seus cinco anos, Pascual Martínez Ferradás, o irmán maior da Confraría Virxe do Carme, recorda a procesión marítima-terrestre atravesar Marín cada 16 de xullo, a excepción daquelas veces nas que a choiva obrigou a cancelala. No Día da Patroa do Mar, miles de persoas, locais, movidas pola festa ou polos actos militares da Escola Naval, congréganse na vila para asistir á misa, bailar na sesión vermú e encher de barullo as rúas. Este ano, a pandemia obrigou a facer algúns cambios na programación da romaría pero a devoción pola Virxe e as ganas de reunirse coa veciñanza, a familia e as amizades son perennes.

Raquel Soage e Marián Sanmartín, coordinadora e concelleira de Festas presentando o cartel deste ano.

“Para nós é un día sinalado no calendario e é agradable poder reunirse despois do tempo que estivemos confinados, necesitámolo”, comenta Marián Sanmartín García, concelleira de Medio Ambiente, Benestar Social, Igualdade, Educación e Festas do Concello de Marín. Desde o goberno local tiñan claro que a Festa da Virxe do Carme, a máis festiva, valla a redundancia, do municipio, tiña que celebrarse, aínda que non fora do xeito tradicional, pois “era unha mágoa non agradecerlle á Virxe o coidado de todos os mariñeiros”. O sector pesqueiro non se detivo durante todo este tempo, as e os traballadores do mar seguiron saíndo a faenar, cando as circunstancias o permitiron, para manter os mercados abastecidos de peixes e mariscos.

Despois daquel primeiro impacto da Covid-19 no mes de marzo coa declaración do Estado de Alarma, as máscaras, a distancia social e os xeles desinfectantes xa forman parte da rutina, incluso daqueles días máis excepcionais. Tal é o caso dos eventos que se levan organizando desde o pasado venres en Marín para celebrar o Carme. Un programa de dinamización local e musical, onde tanto artistas da zona como de ámbito galego teñen oco e co que o Concello busca “diversificar á xente para que non haxa aglomeracións e problemas de aforo”. Así, charangas, batucadas, grupos folclóricos, trucos de maxia ou monólogos despréganse por todo o casco urbano para que “a festa chegue a máis puntos” e non só quede na zona do parque Eguren e da Alameda.

“As cadeiras (colocadas para gozar dos espectáculos) van cunha separación de polo menos metro e medio, as máscaras son de uso obrigatorio e hai xeles en todas as actuacións”, explica Sanmartín, que, ademais, destaca a vantaxe que supuxo ese reparto das funcións para os negocios de hostalaría; “non nos podemos esquecer de que estiveron tres meses pechados e para eles supuxo unha perda económica moi importante”.

Desta situación dá boa conta Benito Fazanes Tenorio, do restaurante Kloster de Seixo (Marín), que reabriron o pasado 27 de maio, despois de estar confinados dous meses e medio. A resposta da clientela defínena de “incrible”: “Sorprendeunos como nos axudaba porque temos que aprender de novo a traballar co tema de que hai que montar todo no momento. É un esforzo terrible, físico e psicolóxico, e hai que estar continuamente desinfectando, aínda que nós xa traballabamos moito a limpeza do local, pero claro, isto hai que facelo, non queda outra, e fai moi custoso un servizo”. Fazanes valora positivamente as medidas que están a tomar desde o Concello para impulsar a economía local, como por exemplo, a concesión dun maior espazo na beirarrúa para poder colocar “máis mesas fóra que é o que a xente está reclamando máis”.

A concelleira considera que o festexo axuda á reactivación tanto da hostalería como do pequeno comercio ao xerarse un impacto económico “moito maior que ao dunha semana calquera”.

A procesión do Carme

Co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que este xoves asistan a Marín para conmemorar á Patroa do Mar, a Confraría Virxe do Carme decidiu suspender a procesión marítima-terrestre. E é que as ganas de festa mestúranse co temor a saír da casa para asistir a este tipo de eventos, primando os desprazamentos a pequena escala.

Procesión do Carme no 2019

“A pesar de que no Kloster colocamos uns paneis de vidro para separar os espazos e cumprimos coas medidas de seguridade, a xente, especialmente a maior, segue a ter moito medo” anota o hostaleiro que, con doce anos ás costas, conta cuns clientes que xa consideran “amigos da casa”, tras visitar o local ano tras ano. Nestes días comezan a notar máis movemento, turistas nacionais particularmente, xa que nesta nova normalidade toca apostar, en palabras de Sanmartín, por “gozar do que temos preto”.

O pregoeiro deste ano, Víctor Loira

Pola súa banda, Pascual Martínez chama ao sentidiño e á precaución neste día de celebración un tanto atípico. Lembra como noutros 16 de xullo terían comezado a adornar o barco ás cinco e media de mañá para deixalo a punto antes da misa do mediodía e a procesión das sete da tarde. Un labor que realizan co mesmo mimo e dedicación nesta ocasión para manter a imaxe da Virxe do Carme ben acompañada de flores e organizar a novena e as tres eucaristías desta mañá (9:30, 10:30 e 12:30 horas).

Asistentes ao pregón.

Aínda que a procesión marítima-terrestre non se realizará como tal, si que terá lugar a ofrenda floral en recordo das persoas falecidas no mar e a bendición das augas pola tarde da man do párroco de Santa María do Porto, que será trasladado polo remolcador Antonio Alonso, da empresa Amare Marín, como vén sendo habitual. O cura tan só irá acompañado pola tripulación da embarcación e aqueles pequenos barcos que se queiran unir a título individual.

Os pasarrúas, as actuacións musicais nas diferentes prazas e a animación infantil, moi necesaria a falta de atraccións e programada para a tardiña co alivio da calor, seguirán a axenda marcada polo Concello, tal e como informa a concelleira de Festas.

En canto á hostalaría, esperan completar o aforo permitido, aínda que o panorama é moi diferente a outras veces. “A día de hoxe hai catro reservas para estas datas cando a estas alturas xa non tería sitio para que se puidera sentar ninguén”, explica Benito Fazanes, mentres lembra como outros anos “cos familiares dos mozos da Xura da Bandeira” xa tiñan o local completo e organizándose con “case dous horarios”.

Agradecementos e peticións

O goberno local

“Quero que sempre estea comigo e eu con ela”, di con devoción o irmán maior da Confraría da Virxe do Carmen despois dos 45 anos que botou no mar e ter visto “de todas”. Agradécelle poder gozar de saúde e que vixíe ás xentes do mar para “que non haxa desgrazas” e pídelle cada día que “nos saque esta enfermidade grande de enriba, esta pandemia que veu para arruinar o mundo enteiro”. Unha petición que comparte tamén Marián Sanmartín: “Pedímoslle protección e amparo desde o punto de vista sanitario porque é moi importante”.

Pascual Martínez agarda que o próximo Día da Patroa do Mar o medio centenar de persoas que chegan a portar a imaxe da Virxe poidan volver practicar o paso menor desde a igrexa ata o porto de Marín. A edil toma nota desta “forma máis local” de facer festa e pensa manter o reparto das actuacións por toda a vila; “hai xente que nos di que lles gusta máis este estilo de festas, que son como máis tranquilas”, engade. E no Kloster, especialistas en peixe local, carne de presa e arroces, miran ao futuro coa esperanza de ter recuperado todo ao persoal do ERTE e volver a traballar como “a formiguiña e que a xente vexa que somos esixentes coa normativa e gañen confianza no noso traballo e nós coller ánimo que é o que nos toca”.

Comparte isto