Meaño e Portonovo enxalzan o produto pesqueiro local

  • Profesionais da restauración, comercialización e a pesca reunidos para pór en valor o produto artesanal

  • A raia foi o eixo vertebrador dos coloquios e das degustacións culinarias

Esta semana, a acción promocional Pesca, Cultura e Gastronomía – Da Praza ao Prato organizada polo Grupo de Acción Local Pesqueiro GALP Ría de Pontevedra realizou dous eventos para apoiar o produto pesqueiro local e sensibilizar e concienciar ás persoas consumidoras sobre os beneficios que aporta consumir produto de proximidade.

    

A antiga sala de poxas da Lonxa de Portonovo e a Taberna Pazo de Lis de Meaño foron os lugares escollidos para levar a cabo estes actos que contaron coa participación de praceiras, restauradores, patróns maiores de confrarías e responsables do GALP Ría de Pontevedra.

O público asistente estaba limitado polo que, presencialmente, o acto de Portonovo acolleu a nove persoas e o de Meaño a once, mais o evento foi emitido en streaming no Facebook de Pescado Artesanal (/Pescado.artesanal), chegando así a centos de persoas.

Grazas a estas sesións podíase coñecer aos protagonistas da cadea produtiva da pesca artesanal da ría de Pontevedra así como a plataforma pescadoartesanal.com, unha web que promove e facilita a comercialización de produtos km0 da ría. Esta iniciativa naceu do traballo conxunto das confrarías e o GALP Ría de Pontevedra en liña cos obxectivos de mellora das condicións de venda nas lonxas e apertura dunha canle tecnolóxica que se marcaron nos inicios da súa colaboración en 2013.

As intervencións do patrón maior da Confraría de Pescadores de San Roque de Portonovo, Juan José Besada Rico, e do patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo, Sauro Martínez, centráronse nos sistema de pesca que emprega a frota de baixura así como a selectividade das artes de pesca artesanal máis tradicional e da súa potencialidade como unha vía de produción sostible que conecta co territorio e cos recursos que ofrece. Tamén trataron a importancia da etiquetaxe e da trazabilidade do produto.

      

As praceiras que participaron na sesión de Portonovo, Pilar Gómez de Pescados de la Ría Piliña e Loli Alarcón de Mariscos Portomar, falaron de como recoñecer o produto fresco e de temporada. A raia foi o produto vertebrador en ámbalas dúas sesións e ćompartíronse recomendacións sobre como elixir, limpar e preparar este peixe que a vila de Portonovo enxalza cunha festa no mes de maio cun amplo programa lúdico na que se prepara e degusta raia de diferentes formas.

Da Praza ao Prato rematou coa parte culinaria, a presentación de receitas da man de recoñecidos restauradores da zona. Na sesión de Portonovo presentáronse elaboracións de salpicón de raia con toque oriental de Carmen Borrageiros do Restaurante Carmen, e raia asada con crema de cabaza, pataca e cenoria preparada por Rocío Garrido da bitácora La Cocina de mi Abuelo. En Meaño presentáronse catro elaboracións diferentes: Ángel Seoane da Taberna Pazo de Lis elaborou raia frita con alioli e arroz de raia con langostinos e Jacobo Domínguez do Muíño da Chanca fixo unha proposta de raia en caldeirada e un salpicón. As persoas asistentes tiveron ocasión de degustar as propostas culinarias acompañadas por viños da Bodega Terra de Mareas, unha bodega nova que aínda que leva poucos anos de traxectoria aposta pola recuperación de variedades tradicionais e ofrece unha proposta actual de viños monovarietais.