Mulleres do mar e emprendedoras da Ría de Pontevedra formaranse en turismo mariñeiro

O GALP Ría de Pontevedra, que coordina e forma parte de Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira, pón en marcha un dobre programa de asesoramento empresarial e asociativo. O martes 7 de novembro terán lugar as primeiras sesións dos programas EMBARCA e ALIADAS, que buscan reforzar e mellorar a capacitación en cuestións de emprendemento e nos ámbitos organizativo, laboral e persoal.

Seguindo a estela dos talleres de ideas celebrados ao longo da costa galega o pasado verán, mulleres do mar e emprendedoras de toda a costa galega poñerán en marcha iniciativas empresariais ou asociativas baixo a tutela de Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar da que forman parte seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, entre os cales está o GALP Ría de Pontevedra.

Trátase dun programa dobre, aberto e de balde, que brinda asesoramento a mulleres con proxectos emprendedores en turismo mariñeiro (programa EMBARCA), por unha banda, e, por outra, proporciona as ferramentas precisas para levar a cabo iniciativas de asociacionismo das mulleres do mar (programa ALIADAS).

EMBARCA en turismo mariñeiro: cita en Raxó

O Centro cultural Xaime Illa Couto (rúa Igrexa, 21, Raxó, Poio) acollerá o primeiro encontro do programa de turismo mariñeiro que o GALP Ría de Pontevedra desenvolverá entre novembro e maio. A cita será o martes 7 de novembro entre as 16:00 e as 17:30. Calquera muller interesada en inscribirse pode facelo a través da web candieira.net ou chamando ao teléfono 886 213 015 .

Seguindo as liñas xerais do proxecto pero adaptándose ao territorio do GALP Ría de Pontevedra, que abrangue os concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño, nesta zona asesorarase aquelas mulleres do mar ou emprendedoras que queiran poñer en marcha unha iniciativa relacionada co deseño de produtos e servizos de turismo mariñeiro, ou que conecte a valoración dos recursos pesqueiros cos ámbitos patrimonial, ambiental e económico do territorio.

O programa abrangue unha serie de pasos que desembocan na posta en marcha dun prototipo ou maqueta da iniciativa. Candieira guiará ás participantes durante varias sesións, ata maio, probando como funciona desde un punto de vista innovador, explorando a clientela, deseñando como se pode dar a coñecer e facelo viable e testando o servizo.

ALIADAS: impulso ao asociacionismo

Na mesma xornada do martes 7 de novembro, o Centro Cultural Xaime Illa Couto acollerá unha dobre sesión do programa ALIADAS, centrado en potenciar os lazos asociativos entre as mulleres do mar, e que traballará o deseño e a posta en marcha de dúas iniciativas: unha dirixida ao deseño dunha semana cultural do mar da Ría de Pontevedra e outra dirixida a mellorar a saúde das traballadoras do mar.

Calquera persoa interesada pode asistir ás sesións, que se dividirán do seguinte xeito: de 17:30 a 19:00 horas traballarase no deseño da Semana cultural do mar e de 19:00 a 20:30 a sesión xirará arredor de Como mellorar a saúde das traballadoras do mar.