O GALP Ría de Pontevedra aposta polo produto local en Meaño e Portonovo

  • Profesionais da restauración e a pesca reunidos para pór en valor o produto artesanal

  • Dous novos coloquios con degustación de receitas tradicionais e innovadoras

A acción promocional Pesca, Cultura e Gastronomía – Da Praza ao Prato organizada polo Grupo de Acción Local Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra recala esta semana nas vilas de Portonovo e Meaño con dous eventos de promoción do produto pesqueiro local que se suman aos xa realizados en Marín e Bueu.

A Antiga sala de poxas da Lonxa de Portonovo acollerá o evento do martes, 15 de decembro. A sesión comezará as 18:00 horas e terá unha hora de duración. O obxectivo desta acción é sensibilizar e concienciar ás persoas consumidoras dos beneficios que aporta o consumo de produto de proximidade (km0) e valorizar o produto local. Entre as vantaxes dos produtos de proximidade están a redución das emisións contaminantes asociadas ao transporte e que redundan nunha alimentación máis saudable ao seren produtos frescos que non son tratados con substancias químicas ou artificiais. Así mesmo, fomentan unha economía máis xusta e solidaria porque trabállase e véndese no propio territorio contribuíndo a fortalecer a economía local.

No evento intervirán representantes do GALP Ría de Pontevedra que porán en valor o produto artesanal local e presentarán a plataforma pescadoartesanal.com, unha web para a comercialización conxunta das capturas provenientes da pesca artesanal da ría mediante un sistema de avisos de captura e oportunidades de comercialización de peixe e marisco do día. A continuación intervirán o Patrón Maior da Confraría de Pescadores de San Roque de Portonovo, Juan José Besada Rico, e dúas representantes da Praza de Abastos de Portonovo, Pescados de la Ría Piliña e Mariscos Portomar.

O obxectivo desta acción promocional é presentar aos protagonistas da cadea produtiva da pesca artesanal en Portonovo e dar a coñecer desde as artes de pesca artesanal mais tradicionais ata as vantaxes do produto local, pasando pola importancia da etiquetaxe e as vantaxes das prazas de abastos fronte a outros espazos de venda.

Ao final desta sesión, as persoas asistentes poderán degustar dúas propostas gastronómicas da man de Rocío Garrido da bitácora La Cocina de mi Abuelo e do Restaurante Carmen.

A sesión en Meaño celebrarase na Taberna Pazo de Lis o mércores, 16 de decembro, de 12:00 a 13:00 horas. Tras a introdución da plataforma de pescadoartesanal.com que realizarán representantes do GALP Ría de Pontevedra, os poñentes darán recomendacións para elixir o produto fresco nas prazas, explicarán as dinámicas das poxas e a súa evolución ao longo do tempo e detallarán o funcionamento do proceso de trazabilidade dos produtos pesqueiros. A sesión xirará ao redor da raia como produto estrela con recomendacións sobre a súa preparación e a degustación de receitas tradicionais e innovadoras. Participarán, o patrón maior da Confraría de Pescadores de Sanxenxo, Sauro Martínez, e Rocío Garrido. A responsable da bitácora La Cocina de mi Abuelo falará sobre a importancia de consumir peixe de temporada, as diferentes especies da ría de Pontevedra e como diferenciar o local do foráneo.

Como propostas culinarias haberá degustación dunha receita innovadora presentada polo Pazo de Lis e dunha receita tradicional do Muíño da Chanca. Ademais, nesa sesión, os asistentes degustarán diferentes viños da Bodega Terra de Mareas.