O GALP Ría de Pontevedra asiste á Xuntanza coa Rede Española de Grupos de Pesca, a primeira da nova normalidade

Posted by

Este luns os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) galegos, a excepción do GALP A Mariña-Ortegal, mantiveron unha xuntanza, en modalidade online, coa Rede Española de Grupos de Pesca (REGP). Tratouse da primeira reunión celebrada neste ámbito desde o inicio da pandemia; polo que se procedeu a facer unha revisión das accións desenvolvidas polos GALP de Galicia para mitigar o impacto da Covid-19 no sector, tanto as relativas a campañas de prensa como a redes sociais. Actuacións nas que se combinou a súa posta en marcha de forma individual e en colectivo, ao coordinarse con outros Grupos de Acción Local de Galicia.

En relación ao efectos derivados do coronavirus, afrontouse a modificación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) para adaptalas a esta nova situación.

Desde a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación congratuláronse do bo ritmo co que os GALP galegos están a executar os programas de axudas, moi por riba da media estatal.

Nesta liña, abordouse o calendario para a publicación do novo Regulamento Comunitario para o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca para o período 2021 – 2027, que agardan ter rematado a principios do ano que vén. Desde a Secretaría Xeral de Pesca xa están a redactar o Programa Operativo Español para o vindeiro período e instóuselles aos GALP a traballar desde comezos do 2021 na nova estratexia de desenvolvemento para o territorio.

No tocante ao funcionamento dos GALP, comentáronse varias suxestións de cambios a realizar para adaptarse ás funcións que se lles atribúe, segundo o recollido na guía da Rede Europea de Zonas de Pesca (FARNET) Aplicación efectiva del desarrollo local participativo. Una guía para las autoridades de gestión del FEMP. Tamén se lles consultou sobre as necesidades detectadas de formación e informóuselles do funcionamento da nova Área Privada da páxina web da Rede Española de Grupos de Pesca, a través da cal accederán a foros de participación e documentación. Esta ferramenta de comunicación pode axudar a mellorar o contacto entre os diferentes axentes que conforman a REGP, aspecto esencial nesta nova realidade na que nos atopamos.

Comparte isto