O Galp Ría de Pontevedra certifica o presente e futuro do turismo sostible

Posted by
  • O grupo, xunto aos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, realizou unha visita de estudo a Canarias

A descuberta de novas experiencias e proxectos é fundamental para o futuro do sector pesqueiro, un porvir que pasa pola diversificación da actividade e na que xogan un papel moi importante as iniciativas de turismo mariñeiro e pescaturismo. Con este obxectivo en mente, unha delegación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra viaxou ás Canarias xunto a outros representantes do GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Vigo – A Guarda. Tratouse dunha visita de estudo enmarcada no traballo de cooperación emprendido por estes grupos dende o inicio do proxecto Mar das Illas, liderado por este grupo.

Durante cinco días percorreron as illas de Gran Canaria e Lanzarote da man dos GALP da zona para coñecer a situación do turismo mariñeiro e a pesca-turismo, así como as accións que teñen en marcha, o seu impacto socioeconómico e as aprendizaxes que foron recompilando ao longo do tempo. Visitaron, ademais, diversas confrarías ou proxectos relacionados co tratamento e transformación dos produtos pesqueiros.

“A motivación por coñecer esas outras experiencias e formas de xestión relacionadas co desenvolvemento local e o turismo sostible” foi coa que viaxou Sonia Cabodevila Portela, axente de emprego e desenvolvemento do Concello de Bueu ao arquipélago. Alí constatou, especialmente en Lanzarote con importantes espazos naturais protexidos, como son capaces de “manter unhas actividades turísticas de calidade con respecto e protección do medio ambiente”.

“A conservación do entorno é prioritario e, ao mesmo tempo, xera recursos para outro tipos de actividades como son as turísticas, deportivas, de coñecemento da flora e da fauna; é dicir, equilíbrase o coidado do medio ambiente coa parte máis de explotación económica”, explica.

Unha apreciación que María del Carmen Vázquez, presidenta do GALP Ría de Pontevedra e patroa da Confraría de Lourizán, comparte e aplica ao sector da pesca: “O turismo non se solapa ca pesca, conviven ambas actividades; de feito o consumo dos produtos do mar estano a asumir os turistas”. A Vázquez chamoulle a atención que “nas illas o consumo de peixe é moi pouco” e sinalou as campañas promocionais que están a desenvolver as confrarías de cara á poboación local, incidindo na rapazada, co apoio da hostalaría. Tamén lle sorprendeu o uso de grandes nasas para a pesca da gamba e apreciou similitudes entre os barcos de inspección pesqueira canarios e galegos.

Nesta liña, Cabodevila considera interesante importar a idea de que as confrarías teñan o seu propio restaurante, no que preparar os produtos que pescan, reportándolles uns beneficios extra.

A viaxe a Canarias constituíu tamén un espazo de encontro para os GALP das Rías Baixas no que compartir inquedanzas e propostas.

“Para min, entre o máis positivo, está que viaxaramos todos os grupos xuntos; ao final partimos do mesmo punto e é moi importante falar entre nós das ideas que temos para dinamizar o sector e dos retos que se nos presentan”, asegura a presidenta do GALP Ría de Pontevedra. Para ela foi moi importante tamén o intercambio cos GALP canarios de cara a detectar necesidades compartidas que trasladarlle a Europa.

Pola súa banda, para a técnica do Concello de Bueu, este contacto entre as entidades é fundamental para o desenvolvemento das comunidades pesqueiras, no que está involucrado desde o sector pesqueiro ata o público. “Estas viaxes axudan a que haxa unha convivencia e se participe das circunstancias e dos problemas de cada área; axudan moito”.

Como di María del Carmen Vázquez, “se non saes de aquí non sabes se o estás facendo ben ou mal, estas viaxes ofrécenche a oportunidade de mellorar”. De feito, a visita de estudo que realizaron no seu momento a Italia inspirou a Vázquez para incorporar unha clasificadora ao barco de vixilancia da Confraría de Lourizán.

“Viaxar axúdache a comparar, ver cousas que podes importar, pero tamén darte conta do potencial que temos”, engade Sonia Cabodevila, que lembra como nunha viaxe pasada co GALP a Inglaterra as mariscadoras volveron moi reforzadas respecto ao papel da muller no sector pesqueiro galego en relación ao inglés.

Sobre a aprendizaxe da visita a Canarias, a axente de emprego e desenvolvemento do Concello de Bueu teno claro: “É a experiencia real de que pode coexistir a actividade económica en equilibrio coa protección do medio”. Desde o territorio, o compromiso co turismo sostible desde enclaves como a Illa de Ons ou Cabo Udra xa é tamén palpable.

Ademais de Vázquez e Cabodevila, desprazáronse a Canarias, a xerente do GALP do Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, e representantes da Confraría de Pontevedra, Confraría de Bueu, Confraría de Raxó, Confraría de Portonovo, Asociación Cultural de Mulleres do Mar de Poio, Irmandade Illa de Tambo e o Concello de Poio.

Mar das Illas
O proxecto Mar das Illas, promovido polo GALP Ría de Pontevedra, en colaboración co GALP Ría de Arousa, o GALP de Vigo – A Guarda, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia, ten como obxectivo promocionar o emprendemento do turismo mariñeiro e pesca turismo entre o colectivo de profesionais e os seus familiares nas Rías Baixas, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo
Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O proxecto conta co respaldo da Consellería do Mar e está financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

A Rede Europea de Zonas de Pesca (FARNET) recoñeceu o ano pasado a Mar das Illas como proxecto de boas prácticas pola súa contribución á diversificación do sector e á posta en valor da cultura mariñeira e da biodiversidade da zona.

Comparte isto