O GALP Ría de Pontevedra convoca ao sector a unha xunta para promover a comercialización da Pesca Artesanal

Posted by

A reunión celebrarase o luns 31 de agosto ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal de Marín e enmárcase na iniciativa Pescado Artesanal

No marco da iniciativa Pescado artesanal, o GALP Ría de Pontevedra presentará o vindeiro luns 31 de agosto, ás 12:00 horas na Biblioteca Municipal de Marín, un Plan de Traballo cuxo obxectivo é promover a comercialización e o consumo das capturas que proveñen da pesca artesanal, así como poñer en valor esta fórmula sostible de manter activa a economía da zona.

Desde o grupo convidan ao sector a participar nesta reunión á fin de facer unha posta en común sobre o contido do programa e coñecer as súas opinións e suxestións ao respecto. A idea desta sesión de traballo é axustar e acordar as accións que se poñerán en marcha nos próximos catro meses e as datas previstas para o seu lanzamento.

Trátase dunha proposta pensada para revitalizar o sector, con actividades de diversa índole, na que a plataforma pescadoartesanal.com será o medio empregado para captar á potencial clientela. Esta ferramenta web permite comercializar de forma conxunta as capturas que proveñen da pesca artesanal da Ría de Pontevedra mediante un sistema de avisos de captura e oportunidades de comercialización de peixe e marisco do día.

A presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, será a responsable de abrir a xornada e a xerente do grupo, Laura Nieto Zas, presentará os obxectivos da mesma. Seguidamente, desde o  darase a coñecer o Plan de Traballo e abrirase o tempo para a revisión das actividades previstas.

A esta reunión está convidados a participar tanto representantes das lonxas da Ría como representantes do sector comercializador e restauradores adheridos á plataforma pescadoartesanal.com. Tamén se convída a participar aos Concellos como xestores das Prazas municipais de Abastos nos que se comercializa ao cliente final o produto pesqueiro fresco.

As persoas interesadas en participar nesta sesión de traballo, dunha hora aproximadamente de duración, deberán confirmarlle a súa asistencia ao GALP Ría de Pontevedra a través do teléfono 886 213 015 ou no correo electrónico gacpontevedra@gmail.com para poder garantir as correspondentes medidas hixiénicas e de distanciamento físico. O uso de máscara será obrigatorio.

Pescado artesanal

O proxecto Pescado artesanal está liderado polo GALP Ría de Pontevedra e conta co apoio de todas as confrarías de pescadores da súa zona de influencia (Bueu, Marín, Lourizán, Pontevedra, Raxó, Portonovo e Sanxenxo).

PROGRAMA DA XORNADA

Comparte isto