O GALP ría de Pontevedra implanta un servizo de asesoramento para atender aos promotores durante este mes de febreiro

Hoxe presentouse no Concello de Marín o servizo de asesoramento a promotores que o GALP Ría de Pontevedra porá en marcha para atender as consultas que se dirixan ao grupo respecto das axudas.

A diferenza doutros anos este servizo concentrarase en xornadas a realizar nos diferentes Concellos do territorio. Os  próximos días  7, 12, 13 e 14 de febreiro, terán lugar en Sanxenxo-Portonovo, Marín, Pontevedra-Poio e Bueu, respectivamente, unhas xornadas onde se explicará pormenorizadamente o contido destas axudas.

Anualmente e a través de dúas convocatorias ao ano (a primeira delas remata o vindeiro 1 de marzo) o GALP Ría de Pontevedra a través do Convenio asinado coa Consellería do Mar – máis correctamente a Consellería do Mar a través do GALP Ría de Pontevedra -, subvenciona proxectos empresariais,  que se orienten cara a promoción de procesos e produtos pesqueiros de calidade e orixe local e tamén aqueles proxectos relacionados con outros sector de actividade mais que contribúen á dinamización da economía dos concellos costeiros na medida do previsto na Estratexia de Desenvolvemento do territorio (EDLP). Son moitas as tipoloxías de proxectos que poden enmarcarse neste contexto, polo que resulta enormemente interesante aproveitar este impulso económico para a dinamización empresarial no entorno da Ría de Pontevedra.

Nas xornadas que agora se presentan e que comezan xa a vindeira semana, informarase aos interesados das tipoloxía de proxectos e obxectivos que teñen encaixe na EDLP.

As axudas poderán acadar ata o 50 % do investimento que pode chegar ata o 80 % naqueles proxectos vinculados á pesca costeira artesanal.  No caso dos proxectos non produtivos con finalidades non económicas, que cumpran determinados requisitos, a intensidade da axuda pode acadar o 100 % de subvención.

O GALP Ría de Pontevedra leva xestionando este programa de axudas dende o ano 2016. Neste período un total de trinta e un proxectos teñen recibido financiamento por un importe total de algo máis de 1.800.000 €.

O orzamento total que ten asignado o GALP para o  período comprendido entre o 2014 e 2020 é de 4,28 millóns de euros destinados ao financiamento de proxectos que contribúan ao desenvolvemento da Ría de Pontevedra e a súa área de influencia (Meaño, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín e Bueu) e que coincidan cos obxectivos marcados na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo como proxectos de mellora da competitividade do sector pesqueiro, marisqueiro e acuicultura, aqueles que fomenten a diversificación e a xeración de actividade económica no entorno da Ría, melloras ambientais e proxectos de sensibilización, os que realicen investimentos na posta en valor e a conservación do patrimonio e aqueles que fomenten a cooperación e o desenvolvemento local.

Estas  xornadas celebraranse en sesións de mañá e tarde, onde se analizarán as claves para saber se son viables os proxectos susceptibles destas axudas, así como os elementos necesarios e imprescindibles para pasar dunha idea ou proposta á realidade do proxecto empresarial. Os asistentes ás xornadas poderán contar cunha sesión personalizada de titorización do seu proxecto.

Ademais destas xornadas presenciais, nas oficinas do GALP ría de Pontevedra se atente a diario as consultas dos promotores e o servizo de asesoramento estará tamén dispoñible telefonicamente.

Máis información en: 886 21 30 15

Prorgama xornadas

Inscripción nas xornadas aquí