O GALP Ría de Pontevedra inxecta case 700.000 euros a doce proxectos da Ría

Posted by

A CONSELLERÍA DO MAR ABRE A SEGUNDA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA PROXECTOS NON PRODUTIVOS

Máis de 328.800 euros para proxectos non produtivos que promovan o desenvolvemento da contorna da Ría de Pontevedra

Na primeira convocatoria das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) do ano 2020, xestionadas polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, un total de doce proxectos, seis de carácter produtivo e seis de non produtivo, recibirán 697.000 euros para un importe subvencionable de 1.486.480 euros. Os orzamentos totais desta ducia de iniciativas suman 1.825.497 euros.

En canto ao reparto por concellos, Poio e Marín acollen, cada un, tres proxectos e Sanxenxo, Bueu e Pontevedra suman, tamén cada un, dous novos proxectos.

Nesta convocatoria presentáronse 22 solicitudes, das cales propuxéronse polo GALP Ría de Pontevedra para recibir as axudas trece proxectos, que finalmente quedaron en doce.

O GALP Ría de Pontevedra recibiu hoxe unha comunicación da Consellería do Mar que habilita a convocatoria de setembro (remata o prazo de presentación o vindeiro día 1 de setembro) para a presentación de proxectos non produtivos que promovan o desenvolvemento e a posta en valor da contorna da Ría de Pontevedra, unicamente. Nesta segunda convocatoria repartiranse 328.823,58 euros en tres anualidades (20.633,43 € en 2020, 127.200,46 € en 2021 e 180.989,69 € en 2022).

Para máis información poden contactar coa entidade no teléfono 886 213 015 ou no correo electrónico gacpontevedra@gmail.com.

Unha das condicións para que os proxectos presentados opten á axuda é que encaixen dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra, centrando o seu eixe estratéxico nalgún dos seguintes obxectivos: mellorar a competitividade dos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura, fomentar a diversificación e o crecemento de actividade económica, impulsar e aproveitar os recursos medioambientais, protexer e poñer en valor o patrimonio da Ría de Pontevedra e/ou promover a cooperación para contribuír ao desenvolvemento local. Na data actual, o obxectivo diversificación xa está totalmente executado e non se poden admitir novos proxectos.

A finalidade dos fondos europeos xestionados polo GALP Ría de Pontevedra é dinamizar o tecido socioeconómico dos territorios da área da ría, promovendo a profesionalización e a formación do sector.

A continuación preséntase unha breve descrición de cada dun proxectos financiados polo GALP na primeira convocatoria do ano:

Proxectos produtivos

Restaurante Gastrocultural O Bruño (Roberto Pérez Estévez)
Trátase do traslado da actividade de restauración do promotor de Cangas a Sanxenxo. Neste novo espazo polivalente combinarase gastronomía e cultura, utilizando produtos locais, procedentes da pesca de baixura e das lonxas, promocionando a cociña de toda a vida e recuperando o afumado como técnica de conservación dos alimentos. Ademais impartiranse obradoiros en torno a técnicas tradicionais de conservación de peixes. Case a metade do importe subvencionable (469.424,13 €) será financiado polo GALP. Os 200.000 € entregaranse en dúas anualidades.

Construción dunha nave que permita explorar novas liñas de negocio (Alinox Morrazo SLU)
Esta empresa afincada en Bueu, con máis de 20 anos de historia, construirá unha nave no polígono industrial que permitirá abrir unha nova liña de negocio na que desenvolverá equipamentos para lonxas, barcos, peixarías, etc… toda unha serie de servizos para o sector pesqueiro. O gasto subvencionable alcanza os 534.644,71 €, dos que 200.000 € proveñen da axuda repartidos en dúas anualidades.

Centro de valoración dos produtos pesqueiros (S.Coop.Galega del Mar San Miguel)
O proxecto aprobado inclúe catro actuacións: a xeración dun espazo web para a promoción da imaxe da cooperativa e o desenvolvemento dunha imaxe de marca para os seus produtos así como a realización de obradoiros formativos e talleres gastronómicos. O importe de gasto subvencionable é de 25.045 €, do cal un 50% será cuberto pola axuda (12.522,50 €) que se distribuirá ao longo de tres anualidades.

Instalación de minicetárea (Sirvopeixe Galicia SLU)
Promovida por unha empresa xa en funcionamento en Poio que busca facer unha mellora na súa actividade coa instalación dunha pequena cetárea peixaría situada en A Barca-Poio para a venda ao público. Recibirá 4.410 € de axuda, nunha única anualidade, que representa o 45% do gasto subvencionable (9.800 €).

Restauración de construción tradicional para almacén e taller (Horta Agrelo S.L)
Proxecto de adecuación e mellora dunha construción tradicional en Bueu para utilizala como almacén e taller no que se levarán a cabo actividades. Os gastos subvencionables acadan os 37.060,82 €, dos que 18.530,41 € serán aportados polo GALP en dúas anualidades, o que se traduce nun 50%.

Novo proceso produtivo de lombos e filetes de peixe afumado (O Percebeiro)
Habilitación dunha planta de procesado de peixe en Marín para iniciar o proceso dunha nova liña de produtos de lombos e filetes de peixe afumado. O importe do gasto subvencionable alcanza os 271.635 €, recibindo 122.235,75 € en concepto de axuda en dúas anualidades.

Proxectos non produtivos

Reparación da estrutura e reparación do mastro do galeón Luisa III (Club Mariño A Reiboa)
Proxecto do eixe de patrimonio promovido polo CM A Reiboa de Poio que busca restaurar unha embarcación tradicional: o galeón Luisa III, unha réplica dun barco de transporte de baixura típico das Rías Baixas construída en 1980. Tras esta mellora, o barco e as actividades que se deseñen arredor del permitirán difundir a cultura mariñeira e poñer en valor os produtos pesqueiros. O proxecto recibirá o 100% do gasto subvencionable (3.921,61 € ) nunha única anualidade.

Embarcación de vixilancia para o interior da ría de Pontevedra (Confraría de Pescadores San Andrés de Lourizán)
Iniciativa que parte da confraría para a construción dunha embarcación destinada á vixilancia do interior da ría para optimizar a súa actividade e que contará cunha clasificadora a bordo para controlar o tamaño dos moluscos extraídos. O importe da axuda é de 55.382,30 € (o 100% do gasto subvencionable), disposto en dúas anualidades.

Divulgación e promoción da actividade da Praza de Abastos (Concello de Marín)
Instalación de luces LED na Praza de Abastos de Marín e actividades destinadas a escolares para dar a coñecer o espazo. O gasto subvencionable é de 14.503,29 €, dos cales recibirá un 100% nunha soa anualidade.

Implantación da plataforma XESMAR na lonxa (Lonxa de Campelo)
Proxecto que pretende implantar a plataforma dixital XESMAR nas confrarías de Raxó, Pontevedra e Lourizán para facilitar o traballo das mariscadoras e a súa comunicación coa lonxa. O proxecto recibirá o 100% do gasto subvencionable (33.494 €) en dúas anualidades.

Portos sostibles: actuación prevención e concienciación en medio ambiente mariño (Club Náutico Portonovo)
Proxecto enmarcado no eixo de medio ambiente que propón a construción dunha plataforma volada de entrada ao náutico para facela máis accesible acondicionando a disposición dos contedores e dos equipos anticontaminación e contra incendios que estarán accesibles. Así mesmo realizarán módulos de formación medioambiental. A iniciativa recibirá o 100% do gasto subvencionable (17.782,89 €) en dúas anualidades.

Descubrindo ao Colón Galego a través da ría de Pontevedra (Concello de Pontevedra)
Proposta de elaboración dunha acción que poña en valor o patrimonio cultural, pesqueiro, acuícola e marítimo da ría e a súa contorna a través da figura de Colón. O proxecto recibirá o 80% do gasto subvencionable, e importe total, (17.787 €) nunha única anualidade de 14.229,60 €.

Comparte isto