O GALP Ría de Pontevedra organiza talleres de asesoramento para promotores de proxectos de emprendemento ligados ao mar

Posted by

O GALP RÍA DE PONTEVEDRA ASESORA AOS PROMOTORES DE PROXECTOS DE EMPRENDEMENTO LIGADOS AO SECTOR PESQUEIRO

  • As xornadas de asesoramento a persoas promotoras comezan o vindeiro luns
  • Máis de 2 millóns de euros para proxectos que dinamicen a contorna da ría

Este xoves a presidenta e a xerente do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores e Laura Nieto, acompañadas pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentaron as xornadas de asesoramento a persoas promotoras de proxectos que aposten pola dinamización empresarial da contorna da ría.

A presentación buscaba dar a coñecer unhas xornadas nas que se informará pormenorizadamente destas axudas (contías máximas de financiamento, procedementos, casos de éxito) e das entidades e/ou persoas que poden beneficiarse das mesmas.

A primeira xornada terá lugar o luns día 17 de febreiro en horario de 10:00 a 12:00 horas para os proxectos produtivos e de 18:00 a 20:00 horas para os non produtivos. As persoas que asistan contarán con asesoramento personalizado para a mellor xestión do seu proxecto. Para máis información sobre os talleres poden chamar ao 604 022 612 ou enviar un correo electrónico a galppontevedra@gmail.com.

As axudas
A primeira convocatoria de axudas para este 2020 estará aberta ata o 2 de marzo e poden presentarse a elas aqueles proxectos empresariais que promovan o desenvolvemento da contorna da Ría de Pontevedra. O GALP dispón de máis dous millóns de euros para os proxectos que se presenten a esta convocatoria. Os importes divídense entre os proxectos produtivos que superan o millón e medio de euros repartidos en tres anualidades o os proxectos non produtivos que repartirán un importe de case 550.000 euros tamén en tres anualidades

As axudas poderán conseguir ata o 50 % do investimento, que pode chegar ata o 80% para proxectos vinculados á pesca costeira artesanal. Pola súa banda, nos proxectos non produtivos con finalidades non económicas, que cumpran determinados requisitos, a axuda pode ser do 100 % de subvención.

Nas sesións que se levarán a cabo nos concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño analizaranse os proxectos que poden recibir estas axudas así como os pasos a seguir para converter en realidade unha idea de negocio.

Anualmente preséntanse dúas convocatorias para subvencionar aqueles proxectos que se orienten cara a promoción de procesos e produtos pesqueiros de calidade e orixe local, e os que aínda relacionados con outros sectores de actividade contribúan a dinamizar e beneficiar o tecido socioeconómico da área de influencia do GALP con proxectos que xeren emprego e axuden a fixar xente no territorio, que poñan en valor e conserven o patrimonio cultural e medioambiental e que, en definitiva, repercutan positivamente no benestar social.

A través destas axudas, o GALP Ría de Pontevedra apoiou nos últimos anos proxectos do máis diverso, desde melloras en instalacións portuarias até rutas turísticas pasando por programas gastronómicos e de divulgación da cultura mariñeira.

O GALP quere animar a participar nestas xornadas de asesoramento a toda persoa con algunha idea de negocio a desenvolver no seu territorio.

Ademais destas xornadas presenciais, nas oficinas do GALP situadas no porto de Marín (Departamento de exportadores, 14. Lonxa de Marín.) aténdense as consultas dos promotores, este servizo tamén está dispoñible telefonicamente no 886 213 015

Comparte isto