O GALP Ría de Pontevedra organiza Talleres de Asesoramiento de Axudas para Proxectos relacionados co mar

Posted by
  • As xornadas de asesoramento a persoas promotoras comezan o vindeiro xoves

  • As axudas están destinadas a proxectos que dinamicen a contorna da Ría

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP Ría de Pontevedra organiza unha serie de xornadas de asesoramento a persoas promotoras de proxectos que aposten pola dinamización empresarial da contorna da ría.

Estes talleres están abertos a particulares, entidades e asociacións interesadas en buscar financiamento para a posta en marcha de proxectos relacionados co mar e que teñan encaixe nalgún dos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) como son a creación de emprego, a atracción da mocidade e a promoción da innovación e do coñecemento na cadea de subministro dos produtos da pesca e da acuicultura; o impulso e aproveitamento do patrimonio medioambiental e proxectos de sensibilización; a revalorización e conservación do patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo; e o fomento da cooperación entre os axentes do territorio para contribuír ao desenvolvemento local.

Nestas xornadas achegarase información detallada destas axudas (contías máximas de financiamento, procedementos, casos de éxito), das entidades e/ou persoas que poden beneficiarse das mesmas e dos pasos a seguir para converter en realidade unha idea de negocio.

A primeira xornada terá lugar o xoves día 10 de decembro en horario de 18:00 a 20:00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar de Bueu e centrarase en proxectos e financiamento de asociacións.

A segunda xornada, centrada en proxectos produtivos e non produtivos relacionados co medio ambiente en zonas pesqueiras, será en Marín no Centro de Formación A Aixola (Porto Pesqueiro s/n) o venres, 11 de decembro, de 10:00 a 12:00 horas. Tratarase sobre o financiamento das necesidades de adaptación das empresas a criterios ambientais e melloras de eficiencia enerxética.

A xornada centrada en proxectos relacionados co sector pesqueiro levarase a cabo no concello de Sanxenxo, concretamente na Confraría de Pescadores de Portonovo o xoves 17 en horario de tarde (18:00-20:00 h).

O último dos talleres será na Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Pontevedra), en Pontevedra o venres 18 de decembro de 10:00 a 12:00 horas e nela abordaranse os proxectos relacionados co sector produtivo pesqueiro.

O aforo está limitado a 10 persoas por xornada pero tamén ofrécese a posibilidade de participar telematicamente. Para poder asistir xa sexa presencial ou telematicamente hai que inscribirse na seguinte ligazón:

INSCRICIÓNS

Para máis información sobre os talleres poden chamar ao 604 022 612 ou enviar un correo electrónico a gacpontevedra@gmail.com.

As axudas

A convocatoria de axudas para este 2021 estará aberta ata o 1 de marzo e poden presentarse a elas aqueles proxectos –produtivos e non produtivos- que promovan o desenvolvemento da contorna da Ría de Pontevedra. A dispoñibilidade orzamentaria desta convocatoria supera os 800.000 euros.

O GALP Ría de Pontevedra leva varios anos apoiando proxectos do máis diverso a través destas axudas e por iso anima a participar nestas xornadas a toda persoa cunha idea de negocio enmarcada na súa área de influencia.

Ademais destas xornadas presenciais, nas oficinas do GALP situadas no porto de Marín (Departamento de exportadores, 14. Lonxa de Marín.) aténdense as consultas dos promotores, este servizo tamén está dispoñible telefonicamente no 886 213 015.

Comparte isto