O GALP Ría de Pontevedra organiza un Fam Trip como parte do proxecto de cooperación “Ruta dos Faros”

Posted by

O GALP Ría de Pontevedra organiza o vindeiro luns 10 de decembro unha xornada de traballo e viaxe de familiarización pola Ría de Pontevedra dirixida aos asociados da Ruta dos Faros de Galicia e Mar Galaica.

A Ruta dos Faros é unha iniciativa dos GALP que busca dinamizar a franxa costeira galega, poñendo en valor os recursos que forman parte do turismo mariñeiro en xeral e os faros en particular.

Esta xornada enmárcase dentro dun proxecto de cooperación no que participan tódolos GALP galegos. Así, a esta actividade convidouse a tódolos socios da Ruta dos Faros e de Mar Galaica presentes no territorio do GALP Ría de Pontevedra, co propósito de que se convertan nos principais coñecedores dos recursos presentes na ruta e tamén así nos seus máis importantes prescriptores.

Por este motivo o programa inclúe unha sesión de traballo que servirá tanto para que os empresarios estreiten lazos entre si como para que coñezan en profundidade o proxecto. Asemade, acompañarase ás mariscadores da Asociación de Mulleres Mar de Poio nunha xornada de traballo, navegarase pola ría a bordo dun catamarán para visitar a Illa de Tambo e as bateas e finalmente realizarase unha visita ao Museo Massó de Bueu.

Así mesmo, para favorecer os traslados aos participantes facilitarase transporte público que partirá dos seguintes concellos: Sanxenxo, Meaño, Pontevedra, Marín e Bueu.

Para máis información, preséntase a continuación o programa previsto:

10:00 – Benvida

10:30 – Experiencia mariñeira en terra: Marisqueo na Praia de Lourido

12:00 – Construíndo unha rede profesional:

  • Presentación Ruta dos Faros de Galicia
  • Sesión de Networking

14:00 – Experiencia mariñeira por mar: Ruta marítima

  • Xantar mariñeiro a bordo
  • Visita por mar á illa de Tambo e faro
  • Visita ás bateas

17:00 – Mesa de traballo no Museo Massó de Bueu

18:00 – Visita ao Museo Massó de Bueu. O valor do patrimonio marítimo.

19:00 – Regreso aos puntos de recollida

 

Dirixido a entidades públicas e privadas do sector turístico e mariñeiro. A inscrición realízase a través do correo electrónico avivae@avivae.com. Prazas limitadas.

Comparte isto