O GALP Ría de Pontevedra participa na planificación dos proxectos RELEVO 2020 e PASAPORTE REMA

Posted by

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra mantivo este martes dúas reunións de coordinación para artellar as actividades dos proxectos de cooperación Relevo 2020 e Pasaporte REMA (Rede de Espazos Museísticos Atlánticos).

O obxectivo desta iniciativa é fomentar o relevo xeracional no sector pesqueiro a través da formación da xuventude neste eido. Está liderada polo GALP Ría de Arousa e nela participan os GALP A Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur e Costa Sostible. Pola súa banda, o GALP Ría de Pontevedra exerce de socio colaborador, trasladando a súa experiencia como promotor do programa Remuda xeracional. Cal é o teu oficio? mediante o cal a xente moza pode coñecer as múltiples saídas laborais que ofrece o mundo do mar. Durante o último trimestre de 2019 realizáronse 24 obradoiros, chegando a máis de 900 alumnos e alumnas dos centros de ensinanza secundaria e profesional dos concellos pertencentes á súa área de influencia (Marín, Meaño, Pontevedra, Poio e Sanxenxo).

Na xuntanza deste martes, desde o GALP da Ría de Pontevedra presentáronse as actividades e os materiais que realizaron con este plan (vídeos e guías de titulacións e itinerarios formativos para os diferentes oficios do mar) e puxéronse a disposición dos demais dos grupos. Ademais coordináronse as accións que se realizarán, a partir do 20 de setembro, para a captación de usuarios para os servizos formativos que contempla Relevo 2020. Os pormenores do plan daranse a coñecer nun acto de presentación o próximo xoves día 3 de setembro no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela ás 18:00 horas.

No relativo a Pasaporte REMA (Rede de Espazos Museísticos Atlánticos), no encontro de onte abordáronse os aspectos organizativos da exposición itinerante que, previsiblemente, se organizará para o vindeiro ano. Nesta liña, poñerase en marcha outra xuntanza a nivel territorial coas entidades que forman parte da rede REMA para acordar o lugar e a data na que se realizará a mostra.

Na vindeira reunión que se celebre arredor desta iniciativa debaterase sobre as últimas solicitudes de incorporación á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos, entre as que se atopa a do Concello de Poio que solicitou a inclusión do Museo de Colón. Con este centro xa serían tres os espazos museísticos adheridos á rede REMA na Ría de Pontevedra, que conta xa cos Centros de Interpretación do Litoral e co Centro de Interpretación de Cabo Udra, ambos os dous no municipio de Bueu.

O GALP Costa da Morte é o encargado de coordinar este proxecto, agrupado no plan Morada Atlántica, cuxa finalidade é difundir o patrimonio inmaterial da cultura mariñeira atlántica a través dos diferentes espazos museísticos pertencentes á rede REMA, reforzando a oferta cultural, patrimonial e etnográfica. Traballan nel os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible e A Mariña-Ortegal.

Comparte isto