O GALP Ría de Pontevedra presenta as accións que desenvolverá para impulsar a pesca artesanal

Posted by

A entidade e o sector acordaron as actividades que poñerán en marcha nos vindeiros catro meses ao abeiro do proxecto Pescado artesanal

Esta mañá o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra presentou o plan de traballo que seguirán nos próximos catro meses para continuar a traballar no obxectivo do proxecto Pescado artesanal: facilitar a comercialización dos peixes e mariscos da flota da Ría de Pontevedra. Unha iniciativa que conta co apoio das confrarías de pescadores da zona (Bueu, Marín, Lourizán, Pontevedra, Raxó, Portonovo e Sanxenxo).

A xornada, que durou arredor dunha hora, abriuse cunha breve presentación da presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, na que resaltou a necesidade de cohesión de todo o sector na promoción do produto local, aínda máis neste contexto de incertezas. “Queremos contar con todos os axentes que interveñen na cadea do peixe, desde os pescadores ata os consumidores, para deseñar actividades directas” que impulsen a pesca artesanal, explicou a xerente da entidade, Laura Nieto Zas.

Á reunión asistiron representantes das lonxas da ría, das prazas de abastos, do sector comercializador e restaurador, como tamén dos Concellos, entre eles, a concelleira de Marín María Cristina Acuña González, responsable da área de Turismo, Comercio, Dinamización, Parques e Xardíns e Cemiterios. Os participantes puideron dar a súa opinión sobre as actividades propostas polo GALP e debater sobre o seu contido de forma que respondan aos intereses do sector.

Un conxunto de actuacións nos que o papel que xoga a plataforma pescadoartesanal.com segue sendo fundamental para darlle saída ás capturas que proveñen da ría, simplificando o proceso de compra e venda.

Deste xeito, o Plan de Traballo busca reforzar o uso da aplicación, poñer en valor e promocionar o produto local e aumentar as vendas. As accións que se desenvolverán artellaranse en catro fases nas que se realizarán visitas aos centros de comercialización e lonxas adheridas á plataforma, sesións de asesoramento e información sobre a aplicación para informar sobre o seu uso e beneficios, de control e seguimento do cumprimento dos compromisos de adhesión a pescadoartesanal.com e de promoción da web.

Entre os meses de setembro e outubro realizaranse talleres con comercializadores da área de Bueu, Pontevedra e Portonovo para afondar nas vantaxes que ofrece a plataforma e nas fórmulas existentes para promocionar o seu produto. Durante todo o proceso manterase un contacto coas confrarías da zona da zona de influencia de forma constante. Así mesmo, apostarase pola realización de accións de comunicación, desde a dinamización das redes sociais e o blog de pescadoartesanal.com ata a organización de eventos, para achegar a toda a sociedade os beneficios de apostar polo produto local, desde a óptica da saúde como da súa implicación no fortalecemento do tecido socioeconómico das vilas costeiras e a conservación dos seus recursos naturais.

Comparte isto