O GALP Ría de Pontevedra promove a remuda xeneracional no sector pesqueiro

O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Ría de Pontevedra retoma o seu proxecto “Remuda xeracional, Cal é o teu oficio” para informar á mocidade das posibilidades laborais que ofrece o mundo do mar. Con esta iniciativa, levada a cabo grazas aos fondos de dinamización cos cales conta o grupo, o GALP Ría de Pontevedra quere promover o interese polo sector marítimo-pesqueiro dende unha perspectiva profesional e laboral que free a falta de remuda xeracional que o sector pesqueiro ven experimentando nos últimos anos.

O programa, presentado a todos os centros educativos públicos e concertados do territorio do GALP Ría de Pontevedra (Poio, Marín, Meaño, Sanxenxo e Pontevedra), ponse en marcha este venres no IES de Poio tras o cal o GALP Ría de Pontevedra seguirá a súa andaina polos centros educativos para amosar aos alumnos de ESO e Bacharelato as distintas titulacións e saídas profesionais que o mundo do mar ofrece.

Ademais das charlas informativas nos centros, os/as participantes poderán realizar visitas guiadas ás distintas empresas e entidades do sector a través das cales vivir de primeira man os oficios e experiencias dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro.

Dar a coñecer os traballos e as distintas saídas académicas vinculadas ao mar é unha boa maneira de que os/as mozos/as valoren e teñan en consideración o sector marítimo-pesqueiro coma una opción de futuro e conseguir así a remuda xeracional tan necesaria neste sector.