O mergullo, actividade fundamental no coñecemento e conservación do Atlántico

Posted by

O GALP Ría de Pontevedra conversa coas escolas de mergullo Portosub e Wayuu no marco da celebración do Día Mundial dos Océanos

Somos auga. Os océanos ocupan tres cuartas partes da superficie Terra e son os responsables de producir a metade do osíxeno que respiramos, ademais de absorber o 30% do dióxido de carbono que producimos, axudando desta forma a mitigar o impacto do quentamento global. Ademais, conteñen 200.000 especies identificadas e constitúen a maior fonte de proteínas do mundo.

No marco do Día Mundial dos Océanos, celebrado este luns, 8 de xuño, baixo o lema Innovación para un océano sostible, o GALP Ría de Pontevedra contactou coas escolas de mergullo Portosu e Wayuu —ámbolos dous proxectos, nados en 2015 e 2017 respectivamente, recibiron axudas da asociación— para conversar sobre o estado no que se atopa o noso Atlántico, todos os recursos que ofrece e o impacto que tivo e ten a Covid-19 sobre esta actividade.

“Temos uns fondos, unhas cores marabillosas. A vida que hai na ría é inesgotable”, afirma Ángela Rodríguez-Saavedra, administradora da Escola Buceo Wayuu, situada en Sanxenxo. A mesma impresión comparte Leopoldo Leiro, propietario do Centro de Buceo e Actividades de Ocio Portosub de Portonovo, que aproveita o inverno para descubrir novos puntos da ría nos que realizar inmersións nas que descubrir desde gorgonias, raias, polbos, congros, vestixios de naufraxios ata algún que outro fardo.

Tesouros que se poden volver a gozar desde que comezou avanzar a desescalada, respectando sempre as normas de seguridade e hixiene, tales como o uso de máscaras fóra da auga, e os límites de capacidade nas embarcacións. No caso de Wayuu decidiron pechar os vestiarios e o alugueiro dos equipos e dos traxes como medida de prevención: “Estamos saíndo con persoas que teñan o seu propio equipo e grazas a Deus os nosos clientes son moi fieis e esta fin de semana saímos no barco con cinco persoas”. Ademais, o centro conta co “único aire que está garantido como aire limpo na zona” e poñen a disposición dos usuarios un caldeiro con desinfectante para que poidan limpar o seu equipo. “A xente ten gana de volver a facer mergullo pero tamén de que se normalice todo isto e nós intentamos tomar todas as medidas posibles para que non haxa ningún rebrote a causa da nosa actividade, por exemplo, desinfectando os equipos con produtos específicos”, engade Leiro. Ao fin e ao cabo son unha familia, como define Rodríguez-Saavedra a súa escola, á que volver nestes tempos complexos para recuperar a conexión co mar e as sensacións bonitas que provoca.

 

Ante o impacto da crise sanitaria da Covid-19, as escolas de mergullo tiveron que adaptar a súa oferta á actual situación e viron como baixaba a súa facturación despois dun inverno no que o estado do mar limitou moito o mergullo, dous meses pechados pola pandemia e unha reapertura suxeita a limitacións.

En Wayuu ofrecen saídas a persoas con certificación, as cales recentemente puideron mergullarse con golfiños, e teñen paralizada a impartición dos cursos PADI (Professional Association of Diving Instructors), á espera de buscar alternativas ao uso compartido de traxes e equipos por parte do alumnado. “Seguramente adxudicaráselle a cada estudante un traxe e un equipo e logo (unha vez finalizado curso) deixaranse en corentena”, comenta Ángela. Pola súa banda, en Portosub xa teñen activa a formación e diversas actividades, a excepción das saídas de mergullo ata as Illas Atlánticas, como o avistamento de cetáceos e rutas personalizadas pola ría nas que se inclúe un percorrido polas bateas, a Illa de Tambo e as inmediacións de Combarro, “un pobo mariñeiro cuxa vista é preciosa desde o mar”, explica Leopoldo. As dúas escolas desenvolven os seus servizos de forma inclusiva, ao estar dirixidos tanto a persoas con e sen discapacidade.

No referido á demanda, atravesan por altos e baixos e o seu punto álxido atópase nas fins de semana. Cun traballo feito con mimo, coidado e baixo altos estándares de calidade, agardan que coa chegada do verán as persoas se animen a mergullarse no Atlántico para “gozar por dous as vacacións”, como di o propietario de Portosub que se mantén positivo ante esta nova normalidade na que deberá primar sempre o respecto polas medidas de seguridade para continuar a dar “pasos cara adiante”. Hai que ter en conta que é nesta época do ano na que se concentra o groso do negocio das actividades acuáticas e, polo tanto, na que se reforzan os cadros de persoal; no centro de Portonovo o número de traballadores ascende dos dous ata os catro ou cinco e no de Sanxenxo pasa de catro a seis.

Así mesmo, a administradora de Wayuu considera que o futuro pasa pola unión do sector e a cooperación entre os diversos actores administrativos, económicos e sociais que reforcen a visibilidade da Ría de Pontevedra como un recurso do que gozar os 365 días. Unha estratexia deseñada en equipo a través da cal mellorar tamén a comunicación entre as rías galegas e a da comunidade co resto do estado. “Ademais dos turistas que veñen no verán, hai moitas máis persoas que poderían vir durante todo o ano e iso é o que necesitamos despois desta pandemia”, apunta Ángela.

Preservar a biodiversidade

Cada día oito millóns de obxectos son arroxados á auga e ao ano ao redor de sete millóns de toneladas de residuos flotan nos océanos, segundo datos da Organización das Nacións Unidas. Conscientes desta problemática, Portosub e Wayuu organizan anualmente entre unha e dúas limpezas voluntarias. Unha cita na que as inmersións son totalmente gratuítas para o voluntariado co obxectivo de sacar á superficie o lixo mariño e depositalo nos contedores correspondentes. “Por sorte nesta zona aínda non se ve moita contaminación pero esperemos que a xente se empece a concienciar e non terminemos por deteriorar os nosos océanos”, expón Leiro. Nesta liña, Rodríguez-Saavedra incide na necesidade de “pensar sobre o que significa o mar para o planeta e que o que é del non se toca”. As dúas escolas en todas as saídas que organizan facilítanlles aos mergulladores as súas propias redes, que despois lles entregan de volta, para que poidan depositar os envases, botellas, cristais que se vaian atopando durante as inmersións.

Actualmente, só o 3,5% da superficie mariña está protexida, unha porcentaxe que dista moito da marcada como meta para este ano (10%) nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A Ría de Pontevedra pode presumir de biodiversidade e o océano non deixa de abrir novas posibilidades como recurso imprescindible para a vida, desde o punto de vista medioambiental, alimentario, medicinal e turístico. E iso, que o 80% aínda está por explorar e nove de cada dez especies oceánicas aínda non foron clasificadas. O mergullo é unha experiencia desde a cal podemos coñecer e recoñecernos no noso Atlántico, un activo máis da economía azul española, a segunda máis grande da Unión Europea.

Comparte isto