O proxecto de cooperación “Candieira” presenta os seus resultados

Posted by

O próximo sábado, 20 de outubro, no Museo do Pobo Galego terá lugar o último encontro de Candieira onde as participantes deste programa, que comezara a finais de maio de 2017, amosarán os resultados de todas as accións desenvolvidas ao público e aos medios de comunicación asistentes.

O proxecto de empoderamento da muller do sector pesqueiro, “Candieira”, chega ao seu fin polo que celebrá un acto para dar a coñecer todo o traballo de emprendemento e asociacionismo levado a cabo  polas participantes no proxecto quenes darán a coñecer o resultado dos programas Embarca e Aliadas. Dito acto contará coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directoral xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez e o presidente do GALP coordinador (Ría de Pontevedra), José Gómez Castro. Tamén estarán presentes os axentes promotores do proxecto, as presidencias e as xerencias dos Grupos de Acción Local Pesqueira que forman parte do proxecto e representantes das entidades colaboradoras.

Neste proxecto de cooperación e traballo en rede participaron, ao longo de dezasete meses, máis de cen persoas de toda Galicia, maioritariamente mulleres con oficios relacionados co medio mariño (mariscadoras, redeiras, mariñeiras, percebeiras, bateeiras e armadoras), pero tamén doutros ámbitos de emprendemento. Elas tiveron a oportunidade de achegarse á xestión e organización dunha iniciativa empresarial, ben de turismo mariñeiro, ben de posta en valor do produto pesqueiro local dende a transformación e a gastronomía. Ademais, Candieira traballou no impulso e no empoderamento da base asociativa feminina dentro dos territorios dos seis GALPs participantes do proxecto.

Adquirir competencias e prototipar os proxectos de turismo mariñeiro ou de impulso ao produto pesqueiro recreándoos e aprendendo a través da propia práctica foi a filosofía que acompañou estas sesións formativas, no caso de Embarca.

Dentro do programa Aliadas, de corte asociativo e de fortalecemento das habilidades sociais e comunicativas, traballouse na visualización da memoria emocional, na transferencia de coñecementos entre as profesionais do mar e o mundo científico e unha guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras.

Comparte isto