O proxecto pasaporte REMA dos GALP traballa na divulgación da cultura mariñeira atlántica

Posted by
  • A Rede de Espazos Museísticos Atlánticos sumou 27 novas entidades no 2019
  • A creación do selo Remiña, o impulso dos coñecementos mariñeiros entre a rapazada e a dinamización da rede REMA centran as actividades deste ano

A cooperación forma parte do ADN dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. Traballo en equipo, no que se comparten coñecementos e experiencias, para sacar adiante proxectos como Pasaporte REMA (Rede de Espazos Museísticos Atlánticos), pertencente, á súa vez, ao plan Morada Atlántica.

Pasaporte REMA está liderado polo GALP Costa da Morte e nel participan os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible e A Mariña-Ortegal. A Consellería do Mar vén de aprobar e subvencionar este proxecto de cooperación interterritorial e transnacional desenvolvido no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) 2014-2020 e ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas (EDLP). Con el búscase divulgar o patrimonio inmaterial da cultura mariñeira atlántica a través dos diferentes espazos museísticos pertencentes á rede REMA, reforzando a oferta cultural, patrimonial e etnográfica. Ademais de aumentar a súa visibilidade, promocionándoos de cara aos visitantes locais e os turistas. Un tecido dinámico e aberto a todo centro que se queira sumar, sempre e cando cumpra os requisitos esixidos.

Nesta liña, ao longo do ano pasado, adheríronse á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos 27 novas entidades, entre elas, a Aula da Natureza Cabo Udra, o Centro de interpretación do Litoral, ámbolos dous situados en Bueu, o Museo do Encaixe de Camariñas, o Aquarium Finisterrae da Coruña ou a Fábrica de Sal de Muros. Así mesmo, no 2019, unha das accións dinamizadoras que se puxo en marcha foi a exposición “O océano que nos une” sobre os oito primeiros centros da rede, unha mostra que xirou por toda a costa galega.

Este ano o proxecto continúa e centra a súa andaina en tres eixes chave: a creación do Pasaporte REMA, o fomento da aprendizaxe da cultura mariñeira e a dinamización da rede REMA.

Pasaporte REMA é o nome que recibe o folleto no que se informará dos diferentes centros que constitúen a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos, o cal contará cun espazo para o selo Remiña, encargado de identificar os museos visitados. O seu obxectivo é animar aos visitantes a percorrer todas as entidades.

Por outra banda, baixo a premisa de “aprender xogando”, continuaranse a impulsar os coñecementos mariñeiros entre a rapazada, de xeito interactivo e participativo, mediante un concurso dirixido ao alumnado de secundaria de tódolos institutos das zonas de influencia dos GALP. A través dunha ferramenta que permita a visita virtual aos espazos da rede REMA, os mozos e mozas terán que resolver no menor tempo posible, a modo de escape room, diversas incógnitas. Un escape room que será físico, e que contará con tecnoloxía de realidade aumentada, para os cinco colexios finalistas.

As actividades de dinamización da rede ocupan o terceiro pé do labor que se desenvolverá durante o 2020, e que se estenderá durante o 2021 tamén. Continuarase coa xeración de contidos para a páxina web e redes sociais da iniciativa, así como a realización de micro vídeos de cada un dos espazos museísticos.

Comparte isto