Os GALP galegos organizan o “Seminario de Comunicación e divulgación científica” para o vindeiro 27 de novembro

Posted by

• A xornada contará cos xornalistas Eduardo Rolland e Manuel Rey e realizarase de forma online a través de Zoom
• As persoas interesadas en participar deberán confirmar a súa asistencia cun correo electrónico

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia organizan o ‘Seminario de Comunicación e Divulgación Científica’ co obxectivo de afondar en cal é a situación da comunicación científica na nosa comunidade e en España.

O evento celebrarase o vindeiro 27 de novembro ás 10:00 horas a través do programa de videochamadas Zoom e durará unhas dúas horas e corenta e cinco minutos. Aquelas persoas interesadas en participar na xornada deberán confirmar a súa asistencia enviando un correo electrónico a info@redrema.eu e posteriormente poderán conectarse ao seminario a través do seguinte enlace: https://us02web.zoom.us/j/82310885499.

Eduardo Rolland e Manuel Rey, xornalistas de GCiencia, serán os encargados de debullar o panorama da divulgación científica no noso país a través de cinco bloques. No primeiro presentarase o proxecto GCiencia e no segundo abordaranse as diferenzas entre información e divulgación científica. No terceiro punto explicarase cal é a situación dos medios de comunicación en Galicia para a ciencia e os museos (prensa, radio, televisión, dixitais) e no cuarto darase a coñecer a realidade dos medios de comunicación españois en cultura científica. O bloque cinco pechará o seminario e nel daranse algúns consellos para a práctica da comunicación, desde como organizar unha rolda de prensa, redactar unha nota de prensa, xestionar as redes sociais ata como xerar actualidade.

Rolland é fundador do portal GCiencia xunto ao xornalista Pablo López e ten traballado en medios galegos como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia. Tamén é escritor e director e guionista de diversas longametraxes. No ano 2004 recibe o Premio Galicia de Xornalismo Científico e en 2005 o Premio Nacional de Xornalismo Francisco Fernández del Riego. Pola súa banda, Rey forma parte da redacción de GCiencia desde o ano 2016 e conta co Máster en Márketing, Consultoría e Comunicación Política pola USC, ademais de ser escritor. Traballou durante seis anos en La Voz de Galicia e Radio Voz. Recibe o Premio Galicia de Xornalismo Científico no 2007 e vén de publicar recentemente o libro ‘O mal sen cura da Costa da Morte’, no que lle pon cara a un tipo de ataxia identificada no 2009 como SCA36.

O proxecto

Este seminario forma parte do proxecto de cooperación Pasaporte REMA (Rede de Espazos Museísticos Atlánticos), agrupado no plan Morada Atlántica. Os GALP Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Ría de Vigo-A Guarda, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible e A Mariña-Ortegal participan nesta iniciativa que está coordinada polo GALP Costa da Morte. A súa finalidade é difundir o patrimonio inmaterial da cultura mariñeira atlántica a través dos diferentes espazos museísticos pertencentes á rede REMA, reforzando a oferta cultural, patrimonial e etnográfica.

Comparte isto