Os tres primeiros proxectos aprobados coas axudas do GALP Ría de Pontevedra comezan a súa andadura

Posted by

A primeira convocatoria de axudas de 2018 para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo que se xestionan en colaboración co GALP Ría de Pontevedra está xa, en parte, resolta. Dous proxectos produtivos e un non produtivo foron os primeiros en seren aprobados pola Consellería do Mar o pasado mes de xullo. Os restantes –  un total de once proxectos produtivos e sete non produtivos, a meirande parte deles, en lista de agarda –  están aínda pendentes da resolución definitiva.

Os proxectos produtivos aprobados

A empresa Sea Charter Rías Baixas recibiu unha axuda a posta en marcha dun servizo de taxi mar ou rutas a medida pola Ría de Pontevedra. Cun investimento total de preto de 187.000 €, sen contar o IVE, unha axuda do 45% permitirá a adquisición da embarcación e o equipamento necesario para o desenvolvemento inclíndo a posta en funcionamento dunha plataforma web con pasarela de pago que permita a reserva e pagamento anticipado do servizo contratado. O proxecto incluirá tamén contidos de dinamización turística e ambiental así como a promoción dos produtos pesqueiros e acuícolas da zona pesqueira. A posta en marcha deste proxecto permitirá a xeración de dous postos de traballo.

 

Un proxecto moi diferente mais que tamén encaiza no obxectivo de diversificación da actividade pesqueira do GALP Ría de Pontevedra é o presentado pola Asociación Educativa Tranvía para o traslado e mellora de instalacións da Escola Infantil Tranvía do Mar I. A asociación estaba obrigada a un cambio nas súas instalacións e o financiamento deste proxecto permitirá o mantemento das prazas escolares e de catro postos de traballo. Será unha escola que ensinará a biodiversidade mariña, os recursos do mar e fomentara a súa conservación. As familias a que dará servizo o novo centro son familias dunha vila históricamente pesqueira onde moitas familias dependen do sector.

Os proxectos non produtivos aprobados

A confraría de Portonovo presentou, no mes de marzo, o seu proxecto “enLonxa” perante o GALP Ría de Pontevedra.

O proxecto, centrado na mellora da comercialización e o uso turístico da lonxa, foi aprobado pola Consellería do Mar polo que a confraría xa está poñendo en marcha esta iniciativa que terá unha duración de tres anos. Dentro do proxecto, un pilar fundamental e a contratación de persoal que realice actividades de mellora da comercialización, como o emprego da plataforma de comercialización conxunta “pescadoartesanal.com” o a mellora da trazabilidade do produto, e a coordinación e organización das visitas turísticas que se realizan á lonxa.

Ademais, para darlle publicidade ao proxecto e ás actividades da confraría realizarase unha páxina web a través da cal informar á cidadanía.

 

Polo tanto, a confraría de Portonovo publicou onte as bases para a contratación de persoal para este proxecto financiado co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e a Consellería do Mar. Ditas bases atópanse expostas no taboleiro da confraría, e as persoas interesadas deberán presentar o seu currículo acreditando a experiencia laboral e formación mediante documentos orixinais, acreditando aqueles coñecementos que lles fan idóneos para o posto de traballo.

O desenvolvemento do proxecto e os seus resultados permitirán o aumento da mellora da comercialización, e a introdución da confraría no turismo mariñeiro coa realización de visitas guiadas.

 

Comparte isto