O GALP Ría de Pontevedra pon en marcha o proxecto ‘Un mar en común’ para dinamizar o tecido asociativo

Posted by
  • A iniciativa foi presentada no Museo Torres de Marín e nela participan tamén os GALP Ártabro Norte, Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra presentou este mércores no Museo Torres de Marín o proxecto Un mar en común: A afouteza da xente do mar. Trátase dunha iniciativa cooperativa, que é coordinada por esta entidade e na que participan tamén os GALP Ártabro Norte, Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal.

A presentación, dirixida ao sector social do GALP Ría de Pontevedra, contou coa participación de Cristina Valdés Méndez, antropóloga e investigadora responsable do proxecto, cuxo obxectivo é fortalecer o tecido asociativo territorial dos GALP, dotando de ferramentas ás persoas e ás entidades para mellorar a súa relación e a súa comunicación interna e externa.

O plan de traballo permitirá facer unha diagnose da situación na que se atopa o sector social e poñer en marcha un conxunto de accións (talleres, intercambios de boas prácticas) para impulsar a cooperación e a colaboración interterritorial. Estará estruturado en catro fases: na primeira entrevistarase aos integrantes das asociacións que forman parte dos GALP para coñecer as súas opinións; na segunda realizaranse os cursos de formación segundo as necesidades que traslade cada grupo; na terceira farase unha posta en común entre as entidades pertencentes aos diferentes Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e por último, na cuarta fase, publicaranse os resultados acadados durante a investigación e propoñerase un manual de boas prácticas que sirva de guía para manter a dinamización do tecido asociativo no futuro.

Cristina Valdés, en representación do equipo investigador de Un mar en común: A afouteza da xente do mar, anima ás persoas que forman parte das asociacións a colaborar nesta iniciativa ideada “para eles, na que a máxima é a opinión e a participación dos integrantes do GALP”.

Mesa Sectorial Social

Na xuntanza deste mércores tamén se propuxo a elección dun novo representante do sector social nas súas tarefas de representación na Xunta Directiva do GALP Ría de Pontevedra, trala baixa da anterior persoa que ocupaba este cargo.

Comparte isto