Proxectos non produtivos

CONVOCATORIA 2016

DESCARPESC. Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu
Realización dun estudo para a avaliación e caracterización dos descartes producidos pola frota artesanal na ría de Pontevedra.
O obxectivo é determinar se é viable unha xestión dos descartes, tal e como expón a Política Pesqueira Común, os problemas que podería xerar esta medida na pesca artesanal e os impactos que tería dentro dos buques e na xestión posterior.

CINTAPESC. Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu
Implantación dun sistema automatizado de poxa que posibilite a compra en liña mediante a integración de procesos de venda electrónica así como o seguimento da actividade de venda por parte do público situado nas zonas de visitas e/ou a través de internet. O proxecto contempla a implantación dun sistema de poxa sobre cintas transportadoras, un sistema de seguimento da transacción a través de medios visuais, a integración dos
novos procesos co sistema de información e poxa existente e a incorporación de novas funcionalidades para a participación dos axentes operadores.

Restauración do estaleiro de Purro. Concello Bueu
Segunda fase da restauración do estaleiro de embarcacións tradicionais de Purro, en Bueu. Obxectivos: conservar o patrimonio cultural mariñeiro e especialmente o conxunto de coñecementos, técnicas e procedementos dos carpinteiros de ribeira; recoller o interese da edificación para manter os valores históricos e recuperalo como uso museístico complementario ao de Massó.

VARAMAR. Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu
Mellora dos servicios á frota pesqueira artesanal, acuícola e deportiva do porto de Bueu. O proxecto pretende dotar o varadoiro de Bueu dun sistema de subministración de electricidade e auga desatendido, mediante illotes que poidan dar o servizo pola identificación cun cartón, con obxecto de non depender de horarios para a súa utilización, dadas as limitacións que en recursos humanos ten o varadoiro.

Concellos de Marín e Bueu – Curso de socorrismo acuático en espazos naturais
Co obxectivo de dotar as praias, principal reclamo turístico das Rías
Baixas, da gama máis completa posible de servizos, con especial
importancia o de salvamento e socorrismo, posicionarse como
destino de calidade e garantir unha maior seguridade dos bañistas.

Mellora da gobernanza na xestión pesqueira artesanal ambiental Parque das Illas Atlánticas. Confrarías de pescadores de Bueu e Portonovo
Mellora da gobernanza na xestión pesqueira artesanal ambiental Parques Illas Atlánticas. Traballo directo cos pescadores artesanais e as súas confrarías co obxectivo de mellorar a gobernanza e a xestión pesqueira na zona e o traballo conxunto final co Organismo Autónomo xestor do parque.

Informe final: Mellora da gobernanza na xestión pesqueira artesanal no ámbito do Parque Nacional Illas Atlánticas

CONVOCATORIA 2017

Recuperación da memoria mariñeira no barrio de O Cabo – Lourizán

O proxecto consiste na realización dunhas xornadas de saberes, roteiros para nenos e a organización dunha exposición no barrio de O cabo, actuacións coas que se pretende acadar a recuperación da memoria mariñeira do barrio de O Cabo, mellorando o coñecemento e mantemento das profesións relacionadas co mar, recoñecendo e dando a coñecer o patrimonio natural e cultural da zona e poñendo en valor os usos e elementos tradicionais do sector pesqueiro, dende unha concienciación do uso dos novos valores de protección ambiental e o uso das novas tecnoloxías na filmación da información.

Programa de actividades previas para determinar a viabilidade da reactivación turística – Mar de Lourizán. Confraría de pescadores “San Andrés” de Lourizán

O proxecto céntrase na execución das actividades que dende a  Confraría se consideran previas e preparatorias para a posterior posta en marcha dun servizo turístico de visita ás zonas de marisqueo e de coñecemento da fauna en colaboración con outros axentes turísticos do territorio.

Ranchera: Mellora e protección ambiental dos areais de Poio. Confraría de pescadores “San Telmo” de Pontevedra

O proxecto céntrase na execución das actividades que dende a  Confraría se consideran necesarias para mellorar a xestión do banco marisqueiro e facilitar as condicións de traballo ás mariscadoras e ao persoal da confraría.

CONVOCATORIA 2018

EnLonxa – Confraría de pescadores “San Roque” de Portonovo

O proxecto consiste na mellora da comcercialización da lonxa de Portonovo a través dos canais de venda habituais e a través de internet grazas ao uso da plataforma online “www.pescadoartesanal.com”, para a promoción dos produtos pesqueiros capturados pola frota artesanal da confraría de Portonovo. Ademais disto, co fin de promocionar e poñer en valor ao sector pesqueiro artesanal, seu traballo e os produtos pesqueiros que capturan, desenvolveranse actividades de turismo mariñeiro. Ditas actividades consistirán na organización e realización de visitas guiadas á lonxa con posibilidade de visitar o porto, a nave de redeiras, e a praza de abastos. A través de ditas visitas os participantes poderán coñecer, de primeira man, a singularidade do sector pesqueiro artesanal, as artes empregadas e os produtos capturados.

Pescart: Valorización da pesca costeira artesanal  – Confraría de pescadores “San Martiño” de Bueu

O proxecto consiste na mellora da competitividade do sector pesqueiro artesanal mediante a posta en valor dos produtos da pesca, resaltando a calidade e a sustentabilidade da pesca artesanal.

Turlonxa: Turismo na lonxa de Bueu – Confraría de pescadores “San Martiño” de Bueu

 

O proxecto consiste na mellora de servizos para a cohesión social e territorial e o benestar de diferentes colectivos vinculados a actividades no mar e da zona, mediante a ampliación e mellora dos servizos turísticos ofertados pola Confraría de cara a pór en valor o patrimonio cultural do sector pesqueiro en xeral e da entidade en particular.