Récord de solicitudes para as axudas que xestiona o GALP Ría de Pontevedra con medio centenar de proxectos presentados

Posted by
  • Case unha vintena das iniciativas están promovidas por mulleres

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra recibiu 54 solicitudes na convocatoria das axudas da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca finalizada o pasado 1 de marzo. Trátase da convocatoria con máis peticións rexistradas por este GALP, un bo resultado froito da campaña de asesoramento a persoas emprendedoras que puxo en marcha a entidade nos meses de novembro e decembro que favoreceu á consolidación de proxectos.

Nun contexto de crise sanitaria, económica e social, estas axudas supoñen un importante estímulo para a mellora da competitividade dos sectores pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura na Ría de Pontevedra; o fomento da diversificación e crecemento da actividade económica; o impulso e aproveitamento dos seus recursos medioambientais, a protección e a posta en valor do seu patrimonio e a promoción da cooperación que contribúe ao desenvolvemento local.

Foron presentados 54 proxectos, 26 produtivos e 28 non produtivos. Ademais, as propostas impulsadas por mulleres gañaron forza con 18 iniciativas presentadas triplicando o número do ano anterior, o que dá conta dos pasos que se están a dar a favor do liderado feminino.

En canto ás partidas económicas, os investimentos superan os cinco millóns de euros (5.209.517,91) sendo o importe subvencionable desta convocatoria de máis de dous millóns de euros.

Así, o GALP Ría de Pontevedra está a realizar agora a revisión destes proxectos para poder realizar a proposta de aprobación que se dará a coñecer no mes de abril.

Comparte isto