Segunda cita do noso proceso participativo de Avaliación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo

Xa está á volta da esquina a segunda cita para continuar co proceso participativo de Avaliación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (2016-2018, EDLP).

Como vos adiantamos no Obradoiro do pasado día 27 de maio, até mediados de outubro no GALP Ría de Pontevedra estaremos avaliando o período intermedio de execución da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (2016-2018, EDLP). Se en maio identificamos cales son os principais retos para mellorar o impacto da actividade do GALP sobre a creación de riqueza e emprego na contorna da Ría de Pontevedra, nesta cita de xuño centrarémonos na formulación de propostas para facer fronte a eses retos seguir aproveitando as oportunidades máis ligadas ao mar a nivel local.

Todas as persoas vinculadas ás entidades que forman parte do GALP tedes a segunda cita o xoves día 27 de xuño, entre 19:00 e 20:30 no Centro de Formación A Aixola.

A todas as persoas que participastes o pasado día 27 de maio, queremos darvos as nosas máis sinceiras grazas! Foi unha sesión intensa e moi produtiva, na que recollemos moitas ideas e reflexións frescas coas que seguiremos traballando até outubro.

Non puidestes vir o mes pasado? Aproveitade esta nova oportunidade!

Sabes dalgunha outra persoa socia ou da túa entidade que non pode perder esta reunión? Tíralle da orella e vén acompañado/a!

Falaremos do que máis sabedes, de como seguir creando emprego no sector pesqueiro, marisqueiro e na acuicultura; sobre cales son as nosas principais necesidades de formación; sobre como conservar o patrimonio ambiental e poñer en valor a nosa cultura mareira e sobre como facernos máis fortes con proxectos compartidos entre distintas entidades da Ría de Pontevedra.

Colle axenda e confirma a túa participación escribindo a avaliacion_intermedia@galpriadepontevedra.org ou chamando ao teléfono 609649028 antes do día 21 de xuño. Desta vez organizaremos un sistema para compartir coche entre as persoas que vos despracedes á reunión e veñades dos mesmos lugares. Informarémosvos ao confirmar.

Agardámoste na Aixola!