Semana dos Océanos: breve entrevista con Carmen Hermo, creativa de Mardesía

Posted by

– Cal é o teu primeiro recordo do mar?
Pode que non sexa o primeiro pero é o máis forte, lembro estar pescando faneca con meu pai nunha batea, sentábame na viga e aprendíame como botar a liña, ver como chegaba ao fondo, tirar dúas brazas e esperar co dediño aí, a que picaran as fanecas. Ese olor a brea, a mar non se esquece facilmente.

– Que papel xoga na túa vida?
Estes días que estivemos sen poder achegarnos ben a velo, a sentilo, a respiralo, dáste de conta que é importantísimo. Como artista, toda a miña obra xira ao redor da natureza e a miña natureza sempre ten moitísimo que ver co mar, é unha parte central. Aínda que traballe coas árbores, sexan árbores que van á deriva, troncos que chegan ás praias, non son árbores do monte, son mariñas. Trátase dunha vida máis fluída na que deixarse levar e non intentar sempre ir a contracorrente.

– Como podemos mellorar a saúde dos noso mares?
Desde cada individuo, coidándoo e achegándonos a el dunha maneira respectuosa. Tamén desde o consumo, pensando na xénese do produto, como está feito, como se vai desfacer, non soamente no beneficio instantáneo que nos poida dar. Moitas partes dese produto acabarán no mar e este devolverao en forma de peixe contaminado, micro plásticos, etc. É importantísimo que os docentes xunto cos pais e a sociedade teñan isto en conta. Os rapaces téñeno moi presente, pero despois teñen que existir fórmulas sociais e económicas que permitan facer cambios, como por exemplo, vivir con plástico cero.

Comparte isto