Un Mar En Común presentará as súas conclusións e manual de boas prácticas

  • O proxecto, promovido polo GALP Ría de Pontevedra en colaboración co GALP A Mariña – Ortegal, o GALP Golfo Ártabro Norte e o GALP Golfo Ártabro Sur, botou a andar hai un ano financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) nun 85% e pola Consellería do Mar nun 15%.

  • A iniciativa, desenvolve un traballo de colaboración entre os diferentes GALP para abordar unha diagnose da participación do seu tecido asociativo e establecer os mecanismos e ferramentas necesarias para o seu fortalecemento. Levada a cabo polos antropólogos Cristina Valdés e Miguel Cambrón e dividida en 4 fases, supuxo a realización de 90 entrevistas a persoas das entidades asociadas e diversas xornadas formativas.

  • O acto, ao que están convocados técnicos/as e asociados/as dos GALP participantes, contará coa presenza da Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo e o Alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo.

Tras un ano de traballo, o proxecto de dinamización do tecido asociativo dos Grupos de Acción Local Pesqueira ‘Un mar en común’ presentará as conclusións acadadas e un manual de boas prácticas para fomentar a participación en entidades asociativas o vindeiro martes 25 ás 18h. no Centro Social A Rúa en Miño.

A iniciativa promovida polo GALP Ría de Pontevedra en colaboración cos GALP A Mariña – Ortegal, Golfo Ártabro Norte e Golfo Ártabro Sur, con financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e da Consellería do Mar, ten como finalidade a mellora da participación e implicación do tecido asociativo dos GALP e contou cun amplo proceso de investigación no que foi indispensable a colaboración dos propios GALP e das súas entidades asociadas, as cales suman na actualidade máis de 200, pertencentes aos sectores social, público, pesqueiro e económico.

Preto de 90 persoas – representantes, entre outros, dos Concellos de Marín, Miño e Valdoviño, das confrarías de pescadores/as como as de Lourizán, San Martiño (Bueu), Miño, Barallobre ou Ferrol, de entidades como ACERGA ou Lonxanet, de asociacións de redeiras como as de Cabo Burela ou de Lorbé, de clubs náuticos como o de Ribadeo ou o de Firrete, de clubs de remo como os de Ares, Cariño ou Narón, de asociacións de mulleres, veciñais, culturais e deportivas, ademais de confederacións de empresarios/as, entre outros– foron obxecto de entrevistas nos primeiros meses de desenvolvemento do estudo.

A súas opinións, achegas, suxestións e críticas sentaron as bases do proxecto que levou a cabo sesións de asesoramento, xornadas participativas e formacións específicas nas diferentes sedes. De carácter local nun primeiro momento, e interterritoriais cara o final do proxecto, estiveron destinadas a dar resposta ás suxestións, carencias detectadas e, en xeral, á mellora das habilidades dos/as asociados/as dotándoos de ferramentas para mellorar a súa comunicación interna e externa. Ao tempo, estas xornadas buscaban a interacción entre as persoas asistentes promovendo o diálogo e a choiva de ideas, semente de futuras sinerxías.

No acto, o antropólogo Miguel Alonso Cambrón presentará da man da xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, un vídeo-resumo do proxecto e un manual de boas prácticas orientadas á fidelización dos asociados/as e a captación de novos/as, á creación e mantemento de canles de comunicación permanente cos asociados/as e tamén entre os propios GALP e, como non, á imaxe e información a transmitir ao público en xeral para que coñeza o traballo dos GALP no territorio.