Un total de 16 proxectos, valorados en máis de 2,4 millóns de euros, reciben este ano 960.000€ en axudas da Consellería do Mar e do FEMP, a través do GALP Ría de Pontevedra

Posted by

As iniciativas abranguen a mellora da competitividade do sector pesqueiro e a xeración de actividade económica en torno á ría a través do turismo, o medio ambiente e o patrimonio

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra está a financiar un total de 16 proxectos con cargo aos fondos orzamentados para este ano dentro das liñas de axudas que proveñen da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e que canaliza a entidade nos municipios de Meaño, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín e Bueu.

Así se explicou este venres nun acto público celebrado na Finca de Briz, en Marín, no que se presentaron brevemente cada un dos proxectos, directamente polos seus promotores. A presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez, resaltou a importancia que os fondos da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca están a ter para contribuír a mellorar e potenciar as actividades relacionadas coa pesca e tamén a na dinamización económica do territorio da entidade.

O total das axudas aportadas é de 960.000 euros para un importe subvencionable de 2.021.949 euros e uns orzamentos finais que suman 2.441.748 euros. Desde 2016, máis de medio cento de proxectos teñen recibido financiamento, por un importe total de máis de 3.000.000 de euros. Tendo en conta que o total para o período global 2016- 2021 é de, aproximadamente, 4.286.000 euros, aínda existe un remanente de arredor de 1.300.000 para os dous próximos anos.

Seis dos proxectos financiados corresponden ao concello de Sanxenxo, catro ao de Poio e os seis restantes (dous cada un) a Pontevedra, Marín e Bueu.

Neste momento está aberta unha nova convocatoria de axudas ata o vindeiro 1 de marzo de 2020. A parte máis importante dos fondos dos que dispón o GALP ata 2021 está orientada ao financiamento de proxectos relacionados coa xeración de valor engadido ao produto pesqueiro, de xeito que os profesionais e as empresas do sector teñen unha moi boa oportunidade para sacar adiante iniciativas que impulsen a súa actividade económica.

A continuación comentamos brevemente cada un dos proxectos que contan con financiamento do GALP neste ano:

PESGALIA
Unha empresa de comercialización de produtos pesqueiros, afincada no Porto de Marín, á que se lle outorga financiamento para mellorar o seu equipamento, de xeito que vai a duplicar a súa liña de produción actual. O proxecto inclúe a adquisición de maquinaria e unha nova cámara de frío para a conservación do peixe.

Ficha Proxecto

CICLO-RÍA (Cristina Collazo Piña)
O proxecto Ciclo-Ría-Cicloturismo da Ría de Pontevedra está promovido pola firma Volta Montana, de Poio, que xa promove na actualidade actividades de sendeirismo e con este financiamento vai adquirir equipamento de bicicletas para
promocionar rutas ciclistas pola contorna da ría.

Ficha Proxecto

TAPERÍA MARIÑEIRA LA CUEVA (Juan Manuel Castro Rea)
É un establecemento xa en funcionamento, en Sanxenxo, que fai unha renovación amparándose nun cambio da súa liña de negocio, pasando de estar especializado en bocadillos e similares ao emprego de produtos do mar.

Ficha Proxecto

RÍAS DE VIDA
Promovido pola Asociación Cultural Rías de Vida, de Poio, que ten como obxectivo dar a coñecer os valores ambientais da ría. Con este financiamento contará cun mellor equipamento de gravación  submarinae de mergullo, o que lles permitirá facer vídeos documentais sobre os fondos mariños e as especies que alí viven. Este proxecto inclúe a publicación en YouTube de 25 vídeos documentais, que xa están dispoñibles para todas as persoas interesadas.

Ficha Proxecto

ARTESA RÍAS BAIXAS
Iniciativa desta empresa adicada á comercialización de produtos pesqueiros, para a adquisición dun furgón isotermo para mellorar o seus sistema de distribución.

Ficha Proxecto

ROOTEIRO (Andrés Rodiño Lis)
Proxecto de elaboración de roteiros turísticos poñendo en valor o patrimonio cultural da ría e a súa contorna, impulsado por Andrés Rodiño Lis, e enfocados especialmente ao público estranxeiro, partindo da súa experiencia no sector en Gran Bretaña.

Ficha Proxecto

PORTOSUB (Leopoldo Leiro González)
Afincada en Portonovo, desenvolve actividades de mergullo, tamén relacionadas co turismo. Con este financiamento adquire unha nova embarcación adaptada e inclusiva para desenvolver actividades acuáticas na ría.

Ficha Proxecto

CONFRARÍA SAN TELMO
Proxecto para automatizar o sistema de pesado e control, e posterior transmisión á lonxa da información recollida de todas as mariscadoras cada día de actividade, no punto de control de A Seca. Suporá unha mellora moi significativa da trazabilidade, tanto para a confraría como para a lonxa de Campelo.

Ficha Proxecto

PESCA NA RÍA: CULTURA E TRADICIÓN
Proxecto do eixe de patrimonio, presentado polo Concello de Pontevedra, enfocado a dar a coñecer a tradición e toda a cultura da pesca na ría, que inclúe e elaboración dun vídeo divulgativo ao respecto.

Ficha Proxecto

CONFRARÍA DE BUEU
PescTrans: de lonxa a porta supón a adquisición dun vehículo isotermo para distribuír determinadas capturas que se subastan na lonxa que van directamente aos comercializadores, mellorando así a propia comercialización dos produtos.

Ficha Proxecto

A CAVALARIA
Un proxecto enmarcado no eixe de medio ambiente, impulsado por un profesional do sector pesqueiro de Portonovo que pretende diversificar a súa actividade e levar á práctica un soño persoal como amante dos cabalos: crear un centro hípico desde o que impulsar actividades ambientais. Está situado a cinco minutos do centro de Sanxenxo.

Ficha Proxecto

CABANAS MARIÑEIRAS DE CABO UDRA, COA ESENCIA TRADICIONAL DA BATEA (Rosa Ana Estévez Cruz)
Un proxecto turístico para poñer en valor o patrimonio cultural de Bueu. Terá unha actividade económica mediante unha serie de aloxamentos turísticos, pero ao mesmo tempo, unha das edificacións coas que contará será un centro de interpretación sobre o patrimonio.

Ficha Proxecto

CETÁREA LUAMAR
Este proxecto consiste na apertura en Raxó dun local aberto ao público en xeral mais tamén orientado a dar servizo a hostalería e restauración que ofrecerá un servizo de cetárea e cocedero de mariscos.

MESÓN A LAREIRA
Un pescador con base en Sanxenxo vai a comercializar a súa pesca do día a través dun restaurante que abrirá en Portonovo logo de rehabilitar un antigo local que xa anteriormente estivo destinado á hostalería. Con este proxecto contribúe a poñer en valor a pesca costeira artesanal.

PÍLLARA DE A LANZADA
Dúas irmás se converten en socias dunha sociedade limitada laboral para promover a creación dun conxunto de apartamentos turísticos na praia da Lanzada coa vocación de desestacionalizar a oferta, abrindo todo o ano un establecemento que será referencia de construción sostible e tamén pola súa oferta de actividades vinculadas ao medioambiente.

Comparte isto