O GALP da Ría de Pontevedra traballa na divulgación da Estratexia de Desenvolvemento Local do FEMP

Ao longo do mes de decembro realizaranse unha serie de xornadas de divulgación nos concellos que pertencen ao GALP, co obxectivo de divulgar a súa estratexia e o programa de axudas.

Xa está aberto o programa de axudas do FEMP para que persoas, entidades e institucións do territorio poidan presentar os seus proxectos e acadar o financiamento.

“Abrindo horizontes” é o nome desta campaña, que pretenderá achegar a potenciais promotores do territorio, as posibilidades de financiamento que ofrece o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, para o período de programación 2014-2020.
Despois da constitución dos GALP e da aprobación das estratexias locais de desenvolvemento das zonas pesqueiras en toda Galicia, o GALP da Ría de Pontevedra vai a realizar un proceso de divulgación en todo o seu territorio, co obxectivo de dar a coñecer a súa estratexia e informar sobre as posibilidades do programa de axudas do FEMP.
Estas accións pretenden impulsar e animar a diferentes promotores, para que presenten proxectos ou iniciativas a prol do desenvolvemento desta zona costeira.
As reunións serán abertas a todas as persoas, entidades e institucións dos concellos que comprende o GALP. Nas reunións daranse a coñecer os contidos e as posibilidades que ofrece este programa de axudas, así como o apoio que poden obter do GALP, como entidade colaboradora na xestión das mesmas.
O calendario das xornadas que se prevén desenvolver durante o mes de decembro é o seguinte:

Xoves 15
18:30 Meaño
20:30 Marín (Museo Torres)
Luns 19
11:00 Pontevedra (Sala Bolechas – Casa da Luz)
Luns 19
19:30 Bueu (Praza de Abastos)
Martes 20
19:30 Poio (Concello de Poio)
Mércores 21
19:30 Sanxenxo (Sala Nauta)

A participación nestes espazos é aberta, dirixíndose principalmente a persoas que teñan interese en promover proxectos (tecido empresarial), ás entidades do sector pesqueiro, institucións locais, organizacións e entidades sociais de carácter público e privado, así como á cidadanía en xeral.