O GALP Ría de Pontevedra presenta en Bueu o seu programa de axudas
(Publicado o 20-12-2016 en Pontevedraviva.com)
O Grupo de Acción Local do sector pesqueiro da Ría de Pontevedra, GALP, organizou este luns unha xornada de divulgación sobre a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, na sala de usos múltiples da Praza de Abastos de Bueu.
Laura Nieto, xerente do GALP, informou a máis dunha decena de persoas sobre o programa de axudas do grupo para 2014-2020.
O obxectivo destas xornadas, que se están levando a cabo por distintos concellos da área de Pontevedra, é informar, animar e apoiar as futuras iniciativas de potenciais emprendedores, cun especial fincapé nas persoas, empresas, entidades sociais e institucións que desexen desenvolver proxectos para acadar o desenvolvemento sostible na zona costeira.
O GALP Ría de Pontevedra é unha entidade sen ánimo de lucro que está integrada por 74 entidades tanto públicas como privadas dos concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño.
Esta iniciativa pretende axudar a mellorar as condicións de vida e as oportunidades de desenvolvemento actuais e futuras dos integrantes da comunidade costeira na zona, para iso impulsa estratexias que melloran a competitividade dos produtos e dos produtores, sempre coa máxima dun uso sustentable dos recursos vinculados ao mar, da contorna costeira e da herdanza mariñeira.
No caso de Bueu, o Concello presentou un proxecto para a rehabilitación do antigo estaleiro de Banda do Río que foi finalmente aprobado. O importe total era de 249.426 euros e a subvención concedida ascende a algo máis de 101.800 euros.
Este ambicioso proxecto contempla a consolidación estrutural da construción para que acolla un museo.