Pescado artesanal estrea nova plataforma web
Pescadoartesanal, a plataforma destinada á comercialización conxunta das capturas provintes da pesca artesanal da ría de Pontevedra a través dun sistema de avisos de captura e oportunidades de comercialización do produto local, vén de estrear nova web.
O sistema apóiase nas notificacións de capturas de produto que pescadores e mariscadores realizan desde a súa embarcación a través do teléfono móbil utilizando a plataforma web. Desta forma, as lonxas e os comercializadores coñecen, en tempo real, toda a información das descargas de produto que se van a producir nas lonxas de baixura da Ría de Pontevedra.
Unha das grandes novidades da plataforma é o apartado de cotizacións, onde se localizan as cotizacións das lonxas da ría de Pontevedra.
Pescadoartesanal é unha iniciativa liderada polo Grupo de Acción Costeira da Ría de Pontevedra e apoiada por todas as Confrarías de Pescadores da Ría de Pontevedra (Bueu, Marín, Lourizán, Pontevedra, Raxó, Portonovo e Sanxenxo).