Candieira chega a Pontevedra para estenderse como Rede de apoio á muller da costa

Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia, presentarase mañá na zona de Pontevedra. Coordinado polo GALP Ría de Pontevedra, este proxecto de cooperación está promovido ademais por outros cinco Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP): Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda) e nace para alentar o empoderamento e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras.

Para a área do GALP Ría de Pontevedra, que comprende os concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño, está convocado un ENCONTRO INSTITUCIONAL o MÉRCORES 19 DE XULLO ás 12:00 no Museo Manuel Torres de Marín (Avenida de Ourense, 3). Pola tarde terá lugar o ENCONTRO SOCIAL, no Pazo da Cultura de Pontevedra (R/ Alexandre Bóveda, s/n) ás 20:00, unha xuntanza aberta a quen queira asistir á que están convidadas mulleres pertencentes a confrarías, entidades sociais e empresariais e asociacións culturais e ambientais que queiran implicarse no proxecto.

O obxectivo principal destes encontros que se viñeron desenvolvendo ao longo do mes en diferentes puntos dos territorios dos GALP participantes e que rematan mañá en Pontevedra é dar a coñecer o proxecto e conseguir a adhesión de entidades, asociacións e persoas que traballen a prol da igualdade, que pertenzan ao sector pesqueiro, patrimonial, cultural e ambiental ou que estean vinculadas ao ámbito do emprendemento e a innovación. A participación activa da cidadanía é fundamental para desenvolver Candieira. Nestas xuntanzas, ademais, foron constituíndose grupos motores que serán cómplices na dinamización do proxecto en cada territorio e impulsarán a incorporación de máis axentes.

Espazos de xeración de ideas

Candieira quere “visibilizar o papel das mulleres dos territorios costeiros e mapear o seu entramado empresarial, asociativo e cultural”, explican desde o equipo técnico de Candieira. Tamén quere ser “unha ferramenta útil para enfrontar problemáticas concretas do sector”. Unha das potencialidades de Candieira é “a súa flexibilidade” xa que nace e se constitúe desde a base, desde o análise concreto da realidade de cada zona, adaptándose a ela.

A fase central do proxecto comezará a mediados de setembro, coa organización de talleres en todos os territorios dos GALP participantes. Serán espazos de xeración de proxectos e experiencias ligadas ao mar nos que todas as ideas individuais e colectivas serán benvidas. Un dos retos do proxecto é que destes obradoiros xurdan sinerxias e se poidan testar iniciativas que desemboquen en proxectos empresariais ou asociativos. A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa.

Para iso, é de vital importancia a implicación dos axentes locais e das persoas que a título individual acudiron hoxe aos encontros para informarse sobre o proxecto e achegar necesidades e potencialidades.

Presentación oficial

O pasado mes tiña lugar a presentación oficial do proxecto, que contou coa presenza e apoio da conselleira do Mar, Rosa Quintana, en Marín.

Este exercicio de cooperación laboral entre os 56 municipios costeiros que conforman os seis GALP participantes, e que van desde A Guarda ata Narón, conta cunha axuda da Consellería do Mar, no marco da convocatoria deste ano, destinada a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP.