O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra conta con dous novos proxectos aprobados na convocatoria de 2017
O balance da segunda convocatoria de axuda para proxectos ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra deste ano 2017 foi tamén positivo, xa que dous novos proxectos obtiveron financiamento para a súa execución.
Nesta ocasión os dous novos proxectos coinciden no Concello de Sanxenxo e están enfocados á diversificación das actividades pesqueiras, con incidencia nos sectores turístico e náutico. Trátase dos seguintes proxectos:
- Creación dunha Escola de buceo: Situarase nas instalacións do Porto Deportivo de Sanxenxo e contará con varias liñas de actividade: saídas de buceo, tenda e formación de buceadores. A escola de buceo contribuirá a dar a coñecer os recursos submarinos da Ría de Pontevedra a través de actividades de submarinismo ao longo de todo o ano, contribuíndo a desestacionalización turística. Tamén contará con equipos para realizar actividades adaptadas para persoas con discapacidade.
- Nauta Sanxenxo promove un novo proxecto que vai consistir na adquisición de equipamento para incidencias mariñas e recollida de refugallos de buques segundo a normativa MARPOL, no Porto Deportivo Juan Carlos I. O equipamento vai permitir reducir e controlar as futuras incidencias accidentais de contaminación mariña no porto deportivo e no seu entorno e permitirá mellorar e diversificar as actividades realizadas e dar un servizo máis completo
os seus usuarios, fomentando desta forma o crecemento económico na comunidade costeira.
Coa aprobación destes dous proxectos, o GALP Ría de Pontevedra pecha o 2017 cun
total de dezaseis proxectos aprobados. A próxima convocatoria xa está aberta para
aqueles proxectos que se presenten ata o próximo 1 de marzo de 2018.