EnLonxa, proxecto da confraría de pescadores de Portonovo, precisa de persoal
A confraría de Portonovo presentou, no mes de marzo, o seu proxecto “EnLonxa” perante o GALP da Ría de Pontevedra.
O proxecto, centrado na mellora da comercialización e o uso turístico da lonxa, foi aprobado pola Consellería do Mar polo que a confraría xa está poñendo en marcha esta iniciativa que terá unha duración de tres anos. Dentro do proxecto, un pilar fundamental e a contratación de persoal que realice actividades de mellora da comercialización, como o emprego da plataforma de comercialización conxunta “pescadoartesanal.com” o a mellora da trazabilidade do produto, ou a coordinación e organización das visitas turísticas que se realizan á lonxa.
Ademais, para darlle publicidade ao proxecto e ás actividades da confraría realizarase unha páxina web a través da cal informar á cidadanía.
Polo tanto, a confraría de Portonovo publicou as bases para a contratación de persoal para este proxecto financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e a Consellería do Mar. Ditas bases atópanse expostas no taboleiro da confraría, e as persoas interesadas deberán presentar, antes do 1 de setembro, o seu currículo acreditando a experiencia laboral e formación mediante documentos orixinais, acreditando aqueles coñecementos que lles fan idóneos para o posto de traballo.
O desenvolvemento do proxecto e os seus resultados permitirán o aumento da mellora da comercialización, e a introdución da confraría no turismo mariñeiro coa realización de visitas guiadas.