«Remuda xeracional», coñecendo os oficios vinculados ao mar
Esta semana deu comezo a segunda fase do noso proxecto «Remuda Xeracional» a través do cal os/as participantes puideron ver de cerca o futuro laboral e formativo vinculado co mundo do mar.
Tras a presentación realizada nos centros sobre as posibilidades formativas e laborais que ofrece o mundo do mar, chegou o turno das visitas a centros de estudo e lonxas polo que esta semana os/as nenos/as de 4º E.S.O. dos IES de Poio, IES de Sanxenxo, IES Johan Carballeira e do IES de Meaño realizaron diversas visitas.
No caso dos IES de Poio e do IES Johan Carballeira, os/as nenos/as visitaron a lonxa e a Escola marítimo pesqueira de Bueu, onde puideron ver a diversidade de empregos vinculados directamente co sector pesqueiro e a comercialización de peixe e/ou marisco (biólogos, lonxeiros, técnicos, mariñeiros, patróns, pescantinas, intermediarios e distribuidores…) e posibilidades de empregos vinculados ao sector naval e mariñeiro (patrón portuario, mariñeiro de máquinas, soldador, seguridade marítima…).
En canto ao IES de Sanxenxo e o IES de Meaño, os/as nenos/as visitaron o IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura) onde puideron ver as posibilidades formativas e laborais non vinculadas directamente co sector pesqueiro como son os distintos ciclos formativos sobre mergullo profesional ou os ciclos formativos sobre cultivos mariños.
En total, durante esta semana de visitas, participaron 215 alumnos/as de 4º E.S.O. dos cales esperamos haber chamado a atención cara o mar e sexan quenes de dar relevo no sector pesqueiro.